Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido no Reino Unido o sospeitoso de asasinar un mozo en Salceda de Caselas en 2019

Detido no Reino Unido o sospeitoso de asasinar un mozo en Salceda de Caselas en 2019

O arrestado está previsto que chegue a España este martes

G24.gal 22/01/2024 16:39 Última actualización 22/01/2024 20:25

O Xulgado de Instrución número 1 do Porriño logrou, tras a emisión dunha orde de detención internacional, que se procedese ao arresto, o pasado 6 de xaneiro no Reino Unido, do sospeitoso da morte do mozo Soufin Mahra á saída dun pub de Salceda de Caselas, no ano 2019.

Segundo foi informada a xuíza que dirixe a investigación do caso, a previsión é que o arrestado chegue a España este martes, tras o cal pasará a disposición dun xulgado en funcións de garda, para que ratifique o seu ingreso en prisión. O detido ten 30 anos, é nacionalidade albanesa, e conta con antecedentes por tráfico de drogas e crime organizado. 

O órgano xudicial realizou as dilixencias necesarias para que desde o Reino Unido se puidese levar a cabo a extradición do investigado, seguindo os trámites legais previstos.

Para a identificación do sospeitoso foron esenciais as dilixencias practicadas dentro da investigación dirixida pola xuíza do Porriño, entre as que destacan as declaracións de testemuñas, quen tamén achegaron á causa vídeos e fotografías do día dos feitos, así como o traballo dos axentes da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Como foi localizado o sospeitoso

A fotografía do homicida, que fuxiu do lugar á carreira tras cometer o crime, mostraba un perfil parcial dun home e foi difundida aos medios de comunicación a finais do ano 2020.

Os investigadores procesaron de xeito minucioso todas as pistas e especialistas do laboratorio de criminalística da comandancia de Pontevedra e obtiveron un perfil xenético que ao contrastar coas bases de datos policiais, lanzou numerosos candidatos.

Non foi ata principios do ano 2022 cando a investigación logrou reducir este abanico ata un único sospeitoso, confeccionando así unhas dilixencias dirixidas á xuíz instrutora da causa, nas que se incluían varios informes técnicos.

Tras ditar unha orde de procura, captura e ingreso en prisión contra esta persoa, que xa contaba con outra ditada por un xulgado de Cambados pola súa implicación en narcotráfico, todo o labor policial centrouse en localizar a esta persoa.

Os investigadores lograron seguir a súa pista por diferentes países, entre eles Portugal, Francia, Italia, Albania, Grecia e, finalmente, Reino Unido. Cos datos achegados á policía inglesa a través da Interpol, as autoridades lograron localizalo e detelo o pasado 6 de xaneiro.

Cronoloxía do caso

O mozo de 25 anos natural de Tui falecera na madrugada do sábado 8 de xuño de2019 en Salceda de Caselas como consecuencia dunha coitelada cunha arma branca propinada por un home que, tras a agresión, fuxiu.

Ao parecer, os implicados iniciaran unha discusión no interior do local que continuou no exterior, e foi cando o agresor lle deu unha puñalada no costado esquerdo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade