Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido o presunto atracador dunha sucursal bancaria na Pobra de San Xiao

Detido o presunto atracador dunha sucursal bancaria na Pobra de San Xiao

Os veciños colaboraron na detención do suposto autor, armado cunha pistola de balotes

O xuíz decretou o seu ingreso en prisión provisional con fianza

Félix Aragunde 07/10/2022 13:41

A Garda Civil prendeu un home que presuntamente intentou atracar unha oficina bancaria na Pobra de San Xiao, en Láncara. Trátase dun veciño de Lugo, de 47 anos, que portaba unha arma que simulaba ser de fogo.

Coa pistola apuntou a empregada da sucursal para que lle abrise o caixeiro automático, pero a muller puido aproveitar un despiste para fuxir correndo ao bar que se encontra na outra beira da avenida.

Alí pediu axuda e a dona do local chamou o 112, mentres dous clientes saíron polo suposto asaltante. Grazas aos constantes ladridos dunha cadela, souberon que se agachara detrás dun coche nunha rúa próxima.

Finalmente, o home foi detido por dous axentes do cuartel da vila que acababan de rematar a súa quenda e ían vestidos de paisano.

Tras prender o presunto atracador xunto ao coche en que pretendía fuxir, os gardas recuperaron unha mochila que o home botara debaixo doutro vehículo cando o descubriran. No seu interior estaba a arma que utilizara no atraco, que resultou ser unha pistola de balotes.

Tras pasar a disposición da xustiza, foi decretado o seu ingreso en prisión provisional con fianza. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade