Detido por primeira vez en España un dos 10 máis buscados do FBI
Detido por primeira vez en España un dos 10 máis buscados do FBI
Trátase dun home de nacionalidade neozelandesa, condenado a cadea perpetua por delitos de pornografía infantil, explotación sexual, agresión sexual e ganancias ilícitas derivadas desas actividades
A Policía Nacional detivo por primeira vez en España a un dos dez fuxitivos máis buscados do FBI estadounidense. Trátase dun prófugo condenado a cadea perpetua por delitos de pornografía infantil, explotación sexual, agresión sexual e ganancias ilícitas de máis de 17 millóns de dólares.
O detido é un home de 40 anos e nacionalidade neozelandesa. Foi arrestado o pasado mércores nun céntrico hotel de Madrid, onde se aloxaba baixo unha das múltiples identidades falsas que empregaba, segundo informa a Dirección Xeral da Policía.
O fuxitivo dedicábase á produción audiovisual de pornografía e recrutaba mediante enganos menores e mulleres de pouca idade procedentes de distintas partes dos Estados Unidos e do Canadá. Facíao publicando anuncios en Internet nos que ofrecía supostos traballos de modelo.
Segundo se probou no proceso xudicial contra el, retiña esas mulleres, ás que obrigaba a realizar prácticas sexuais en contra da súa vontade.
Tamén pagaba a outras para que convencesen as vítimas de que o material de contido sexual nunca sería publicado.
Gran parte da pornografía que produciu entre os 2012 e 2019 acabou en páxinas web abertas, onde xerou uns beneficios de máis de 17 millóns de dólares.
Tras ser condenado a cadea perpetua fuxiu, polo que as autoridades estadounidenses emitiron a correspondente orde internacional de detención e chegaron a ofrecer unha recompensa de 100.000 dólares a cambio de información sobre o seu paradoiro.
O FBI incluíuno na súa lista dos dez fuxitivos máis buscados.
Tras recibir información desde os Estados Unidos, os axentes especializados da Policía Nacional iniciaron unha investigación que situou ao prófugo en Barcelona, pero a procura non obtivo resultados concretos.
Despois dun ano de exhaustivo rastrexo en distintas zonas de España, o pasado 21 de decembro logrouse a detención do fuxitivo nun hotel madrileño.
Ata a data só foran capturados 57 deses prófugos máis aló das fronteiras dos Estados Unidos.