Detido un home de 39 anos acusado de matar dunha malleira á nai en Málaga
Detido un home de 39 anos acusado de matar dunha malleira á nai en Málaga
O fillo da vítima chamou a irmá por teléfono para dicirlle que a golpeara
Cando chegou a Policía ao domicilio o suposto agresor durmía nun cuarto
A Policía Nacional detivo un home de 39 anos por matar presuntamente a golpes a súa nai, de 60, no domicilio familiar en Málaga. Segundo fontes próximas á investigación, unha filla da vítima, que acudiu ao domicilio alertada polo irmán, atopou no sofá o corpo sen vida da muller.
Os feitos ocorreron nun dúplex do barrio do Molinillo e a Policía Nacional fíxose cargo das pescudas. Amizades e veciñanza aseguran que no inmoble tamén vivía a parella do arrestado e que as pelexas entre nai e fillo eran frecuentes.
Esta madrugada, varias testemuñas escoitaron unha forte discusión entre a muller e o arrestado que, supostamente, conta con antecedentes por violencia machista e ten problemas de adicción.
Durmindo nun cuarto
De acordo con estes testemuños, tras acabar coa vida da nai, baixou ao bar "para tomar unha cervexa" e cando regresou chamou a irmá para recoñecer que mallara na proxenitora. Cando chegou a Policía Nacional, o suposto agresor estaba durmindo nun dos cuartos.
O home foi detido como presunto autor dos feitos e nas próximas horas pasará a disposición xudicial. Axentes do Grupo de Homicidios e de Policía Científica traballaron durante toda a mañá no piso onde ocorreu o crime e á unha da tarde levouse a cabo o levantamento do cadáver.