Detidos cinco menores pola morte dun mozo en Getxo
Detidos cinco menores pola morte dun mozo en Getxo
A policía atopou nunha papeleira próxima dous coitelos manchados de sangue
Os detidos son tres rapaces e dúas rapazas
Continúa aberta a investigación policial para coñecer as circunstancias da morte dun mozo de 24 anos en Getxo, Biscaia. A policía detivo cinco menores, tres rapaces e dúas rapazas, como presuntos implicados no homicidio, e atopou no lugar dous coitelos manchados de sangue.
Sucedeu na noite do sábado no barrio de Algorta, nunha zona moi concorrida e con moitos bares. A policía recibiu unha chamada alertando dunha liorta na vía pública entre un mozo e cinco menores. Segundo contaron varias testemuñas, a vítima intentou fuxir pero caeu e un dos agresores acoitelouno. Ante a gravidade das feridas, os servizos sanitarios trasladárono ao hospital de Cruces. A vítima vivía coa súa tía.
"El acababa de saír da casa e aos vinte minutos dinme que acoitelaron a Filipe e eu preguntei, pero non está arriba na casa?, e dixéronme non, saíu, ou sexa, que foi moi rápido, cando vin xa lle estaban prestando os primeiros auxilios, mais cando chegou ao hospital xa non se puido facer nada".
"Aí mesmo deberon acoitelalo e chegoulle ao peito e algúns din que as ambulancias tardaron en chegar, pero non creo que se puidese salvar".
"Non sabemos nada, se foi unha pelexa ou non, pero non houbo tempo para unha pelexa, non, non houbo tempo de nada".
Pouco despois, a ertzaintza e a policía local de Getxo localizaban na estación de metro os menores presuntamente implicados na agresión, tres rapaces e dúas rapazas. Unha delas levaba no bolso varios coitelos. E nunha papeleira próxima ao lugar dos feitos apareceron dous coitelos manchados de sangue. A alcaldesa de Getxo condenou este tipo de comportamentos e solidarizouse coa familia da vítma.