Detidos oito seareiros ultra implicados nunha pelexa en Lugo antes dun partido
Detidos oito seareiros ultra implicados nunha pelexa en Lugo antes dun partido
Os arrestados teñen prohibida a entrada aos estadios e unha orde de afastamento
A liorta tumultuaria ocorreu o 2 de abril nun encontro co Ponferradina
A Policía Nacional detivo oito persoas, unha na provincia da Coruña, tres na de Lugo e catro na de León pola súa suposta participación nunha pelexa tumultuaria en Lugo antes dun partido de fútbol. Os arrestados pertencen aos grupos ultra das Brigadas Lucenses e da Fronte Norte.
Os feitos producíronse o día 2 de abril, coincidindo coa celebración do partido entre o C. D. Lugo e a S. D. Ponferradina, correspondente á xornada 34 da Segunda División da liga.
Horas antes do arranque do encontro, produciuse un enfrontamento entre afeccionados ultra de ambos os dous clubs, cunhas 40 persoas implicadas que se agrediron mutuamente con patadas, puñadas e lanzando botellas e mobiliario hostaleiro.
A intervención dos axentes permitiu o control da situación e a identificación dos participantes. As xestións practicadas con posterioridade puideron determinar a súa pertenza aos grupos ultra e violentos coñecidos como Brigadas Lucenses e Fronte Norte.
Segundo a Policía, de ideoloxía política contraria e historicamente enfrontados, utilizan habitualmente o escaparate do deporte como escusa para levar a cabo condutas violentas, co risco que iso implica para as persoas, os danos nos bens, e a alteración da orde pública.
Tras pasaren a disposición xudicial, decretáronse medidas cautelares de afastamento así como a prohibición para todos eles de entrar aos estadios.
Na investigación, dirixida polo Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, participaron axentes da Comisaría Xeral de Información, das Brigadas Provinciais de Información de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Madrid e da Brigada Local de Información de Ponferrada.
A operación enmárcase dentro da estratexia de "tolerancia cero" que a Policía Nacional mantén contra a violencia no ámbito dos eventos deportivos.
Reforzo para o vindeiro partido
Co gallo da celebración o vindeiro domingo do partido entre o C. D. Lugo e o S. D. Ponferradina, a Policía Nacional anunciou o reforzo do dispositivo de seguridade. O evento foi declarado de "alto risco".