Publicador de contidos
Publicador de contidos

Diego Calvo: "Prevención e protección son os eixes da nova lei do xogo"

Diego Calvo: "Prevención e protección son os eixes da nova lei do xogo"

"Era necesario ter unha lei adaptada aos novos tipos de xogo e era oportuno facelo", explica o vicepresidente segundo da Xunta

"Estamos preparados para as eleccións municipais. Queremos referendar os cambios", asegura Diego Calvo

Calvo di que non hai bicefalia no PP, "iso quedou solucionado"

G24.gal 09/11/2022 10:54

O vicepresidente segundo do Goberno galego, Diego Calvo, estivo esta mañá na entrevista do Bos días para falar, entre outros temas, da nova lei do xogo que se está a tramitar no Parlamento de Galicia.

O Grupo Popular rexeitou as emendas de devolución presentadas pola oposición, que considera que a lei é pouco ambiciosa e con inconcrecións. O vicepresidente Diego Calvo defendeu a necesidade de actualizar a normativa existente para adaptala ás novas modalidades do xogo e para avanzar na prevención e na protección dos máis vulnerables.

"Era necesario ter unha lei adaptada aos novos tipos de xogo e era oportuno facelo", di Diego Calvo

A anterior lei do xogo era de 1975, con algunhas actualizacións, "ata 25 actualizacións", aclara Diego Calvo, "pero era necesario ter unha lei adaptada ao momento actual, adaptada aos novos tipos de xogo, e era oportuno facelo."

Diego Calvo recoñece que lles levou tempo a elaboración desta lei; explica que os motivos son porque "estivemos a falar con todos os sectores implicados".

En resposta aos argumentos dos grupos da oposición e tamén dalgúns psicólogos que din que o texto soa ben, pero que os 15 anos de moratoria son moitos anos para algúns locais que deberían pechar, Diego Calvo di que o que fai a lei "desde que entre en vigor ponse o contador a cero, pasa en todos os sectores, ponse o contador a cero e empezase a contar desde aí. A partir dos 15 anos haberá que renovar ou non esas concesións".

Para os que non están de acordo con esta lei, di o vicepresidente segundo da Xunta que "agora empeza unha tramitación en que se poden presentar emendas parciais. Cremos que esta lei é boa, pero non estamos en ningún caso pechados a que se poida mellorar".

Sobre a lei, lembra Diego Calvo, e xa o explicaba onte a voceira do Grupo Popular no Parlamento, Paula Prado, "é un texto que non contenta a ningún sector, pero no feito de non contentar a ningún está parte do éxito, se finalmente se aproba".

Explica Diego Calvo que a lei di que "se debe utilizar un control de acceso" para que os menores poidan acceder nos locais de hostalería ás máquinas tipo comecartos e de aposta, que xa existen agora, aínda que non "explicita que sexa o DNI electrónico como solicitaba algún grupo da oposición". "Nos non pechamos esa posibilidade".

O vicepresidente explica que no xogo en liña a Xunta non ten competencias, que son de competencia estatal, por iso non poden prohibir, entre outras, cousas a publicidade en televisión como fai a Xunta co xogo que lle compete, "que está prohibida a súa publicidade nos medios públicos".

Diego Calvo di que os mesmos que os acusan de ser pouco ambiciosos na lei do xogo "seguen permitindo a día de hoxe  unha incongruencia. Que sentido ten que no sorteo de Nadal da lotería nacional participen nenos?".

"Se estamos falando e que hai que protexer os menores, non pode ser que no sorteo da Lotería Nacional sexan os nenos os que participan no sorteo".

"Estamos preparados para as eleccións municipais. Queremos referendar os cambios", asegura Diego Calvo

As eleccións municipais, "para nós son importantes porque queremos referendar os cambios que se teñen que producir nalgunhas das cidades e en moitos concellos nos que non conseguimos gobernar por moi pouquiños votos e gobernan unha serie de partidos que desde logo non gañaron as eleccións e quedaron moi lonxe e son importantes porque son unha antesala do que van ser as eleccións xerais cando as convoque Sánchez. Hai unha sensación necesaria de cambio".

"O PP está rearmado e é o partido máis forte" de cara ás municipais." Asegura Diego Calvo que o partido "está preparado. Creo que fixemos un bo labor na designación de candidatos, algúns xa son públicos, outros iranse coñecendo proximamente, e eu espero acertar. E despois hai que convencer os cidadáns de que nos dean esa oportunidade".

Calvo di que non hai bicefalia no PP, "iso quedou solucionado"

Referente a comentada posible bicefalia no PP tras a marcha de Feijóo a Madrid, di Diego Calvo que "eses problemas están resoltos. A xente quérenos para solucionar problemas, non para traer máis problemas e causar máis tensión. Creo que o PP foi un exemplo e facer as cousas ben, de non crear problemas a ninguén, nin dentro nin fora do Goberno". Cre que as ultimas enquisas están a demostrar que a xente valorou esa forma e facer política".

Os edís de Sada que presentaron a moción de censura," previsiblemente, serán expulsados do PP"

Sobre a moción de censura e Sada, explica Calvo que "seguindo a normativa do partido, demos conta ao Comité de Dereitos e Garantías e estudado o expediente e previsiblemente, como noutros casos, terminará coa expulsión dos edís. Nos o día antes de presentar a moción xa estabamos presentando o novo equipo do PP en Sada. Está claro que os actuais non compartían esa liña de traballo".

Na xustiza "era necesario dixitalizar e destruír expedientes pechados"

O papel xudicial ten os días contados, a Xustiza e a Xunta iniciaron a eliminación de case dous millóns de expedientes en papel dos xulgados e que fai necesaria a súa dixitalización para conservalos porque non todos se destrúen. O obxectivo é liberar espazo nos depósitos que están á beira do colapso.

"Hai que aclarar que os que se destrúen son expedientes que están totalmente pechados e que non van ser necesarios en ningún caso. Os que se conservan son os expedientes abertos. O resto era moi necesario destruílo, por moitos motivos, non só de espazo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade