Difunden un vídeo dos instantes previos ao acoitelamento mortal da Coruña
Difunden un vídeo dos instantes previos ao acoitelamento mortal da Coruña
Advertimos do contido sensible das imaxes, colgadas en Twitter
A CRTVG puido confirmar que o vídeo é unha das probas coas que traballa a Policía Nacional para intentar identificar os agresores
O documento gráfico amosa un grupo duns dez mozos enfrontándose con outro, que supostamente sería o falecido, Yoel Quispe
O equipo que investigou o crime de Samuel Luiz en 2021 asumiu este caso
O equipo que investigou o crime de Samuel Luiz, falecido na madrugada do 3 de xullo de 2021 após unha brutal malleira no paseo marítimo coruñés, asumiu o caso do novo apuñalado mortalmente na Coruña na madrugada do día de Noiteboa.
Así o informaron a Europa Press fontes próximas ao caso, no que se trata de identificar o autor ou autores do apuñalamento ao mozo, un español de 22 anos de orixe peruana, que será enterrado este mércores no cemiterio de Feáns.
En concreto, nun suceso no que se decretou o segredo de sumario, o equipo a cargo da investigación é a Unidade de Delincuencia Organizada e Violenta (UDEV) do Corpo Nacional de Policía, que é a que asume este tipo de casos.
— Francisco Freire (@ArtaiFreiman) December 25, 2023
Mentres se investigan os feitos, a través das redes sociais do club deportivo Cristal, no que o mozo xogou, fíxose un chamamento a todas aquelas persoas que queiran colaborar e axudar á familia nos gastos do enterro.
Para reclamar xustiza e en recordo ao seu achegado e coñecido, houbo tamén o día de Nadal unha concentración no lugar onde se produciu o apuñalamento, no inicio da rúa Sinfónica de Galicia, en confluencia con Juan Flórez.
Do sucedido, o servizo de emerxencias 112 tivo constancia após chamar un particular, sobre 06:35 horas do día de Noiteboa, informando de que había un home apuñalado.
Ao lugar desprazáronse servizos de Urxencias Sanitarias 061 e efectivos da Policía Local e da Nacional. O mozo recibiu dúas puñaladas, unha no abdome e outra no corazón, que lle provocou a morte, durante unha pelexa.