Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dispárase o prezo da uva polo aumento da demanda

Dispárase o prezo da uva polo aumento da demanda

A uva albariña xa cotiza por riba dos 2,5 euros

Sobe de media uns 70 céntimos por quilo polo aumento da demanda

Nas Rías Baixas suspendeuse a vendima pola choiva
G24.gal 13/09/2022 14:26

 "Poñamos como unha base de dous euros mínimo cara arriba, dous euros tranquilamente", apunta Marta Castro, enóloga.

O prezo da uva anda polas nubes. Nótase especialmente na denominación de orixe Rías Baixas onde era impensable, ata non hai moito tempo, que chegase aos dous euros o quilo. Nesta campaña superáronse.

"Sobe arredor de 60 céntimos por quilo de uva, 60, 70 céntimos que é moitísimo en moitos quilos de uva", continúa Marta.

O bo facer de moitos anos fixo que a albariña sexa unha uva moi demandada. Esta suba é ben recibida no sector porque se revaloriza o produto e iso trae consecuencias positivas tamén para o campo.

 "Isto pode ser unha grande oportunidade para moitísimas cousas en primeiro lugar para a remuda xeracional para que os viticultores sexan máis profesionais e que a xente nova pense nas viñas como un futuro o día de mañá", explica a enóloga Marta Castro.

Pero este aumento dos prezos non só está motivado polo bo facer, tamén inflúe o aumento dos custos de produción.

"O prezo do combustible, o prezo da enerxía, o prezo das materias primas, o prezo do material seco, botellas, cartonaxe e demais".

Nesta zona das Rías Baixas a choiva obrigou a parar a vendima que estaba indo a moi bo ritmo. Levan 21 millóns de quilos recollidos dos 40 previstos. Esta choiva se non se prolonga mesmo foron beneficiosas.

"Ata agora realmente non houbo ningún tipo de problema, ao revés, mesmo axudou a hidratar algunhas desas parcelas que estaban máis secas onde a uva igual estaba un pouco máis deshidratada, entón si que foi mesmo positivo, evidentemente o momento de vendima é xa a uva está no seu momento óptimo e hai que levala á adega o antes posible", comenta Agustín Lago, director técnico da D. O. Rías Baixas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade