Dous detidos e un ferido grave nun ollo por mor dunha malleira en Lugo
Dous detidos e un ferido grave nun ollo por mor dunha malleira en Lugo
Foi agredido por outros dous rapaces nunha pelexa en que tamén se viu implicada unha moza
A policía non tardou en localizar os dous sospeitosos, que foron detidos e trasladados a comisaría
Tamén foi ferido levemente outro rapaz que tentou frear a pelexa
Un mozo ten feridas moi graves nun ollo por mor dunha malleira que recibiu na madrugada do pasado sábado no casco histórico de Lugo. Ao parecer, foi agredido por outros dous rapaces nunha pelexa en que tamén se viu implicada unha moza.
Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron un dos varóns que supostamente participaron nesa agresión, un mozo de 19 anos identificado na Comisaría Provincial, e outro menor de idade que quedou a cargo dos seus titores legais.
Segundo a información facilitada pola Comisaría Provincial, varias dotacións de servizo dirixíronse na madrugada do sábado á Praza do Campo, despois de seren alertadas pola central do 091 dun altercado entre varios mozos.
Ao chegar atopáronse cun mozo tirado no chan con feridas de moita gravidade nun ollo. Os axentes solicitaron o desprazamento dos servizos sanitarios de emerxencias, que finalmente o trasladaron en ambulancia ao HULA.
Varias testemuñas informaron de que dous mozos e unha muller foran os autores desta agresión. Tamén foi ferido levemente outro rapaz que tentou frear a pelexa. A policía non tardou en localizar na mesma zona os dous sospeitosos, que foron detidos e trasladados a Comisaría.