Dous detidos por secuestrar un veciño de Cortegada
Dous detidos por secuestrar un veciño de Cortegada
Os raptores fixéronse pasar por policías locais
Un taxista e un vixilante xurado, detidos por secuestrar supostamente un veciño de Cortegada facéndose pasar por policías locais. A vítima denunciou que lle deron unha malleira para reclamarlle unha débeda. A Garda Civil investiga o tipo de negocio que motivou a agresión.
Hai que remontarse ao mes de maio para iniciar o relato dos feitos. Daquela un veciño de Cortegada presentouse no cuartel da garda civil de Ribadavia para denunciar que dous individuos o asaltaron cando saía da casa. Identificáronse como policías locais, puxéronlle uns grillóns, ameazárono cunha pistola e reclamáronlle o pago duns cartos. De seguido metérono nun coche, levárono a un descampado próximo e déronlle unha malleira. deixárono alí abandonado. El puido recoñecer un dos agresores, que traballaba como taxista. Aos poucos días era detido pola garda civil.
Pasaron varios meses, pero a operación Talipo, como a nomea a garda civil segue aberta. Trata de aclarar agora a relación que había entre vítima e captores, xa que constan retesías previas, e sobre todo a orixe da débeda que supostamente motivou a agresión.