Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous minutos para retornar a Galicia, por Venancio Salcines

Dous minutos para retornar a Galicia, por Venancio Salcines

Coa Estratexia Retorna Emprego, os retornado poden volver cun contrato de traballo

Para moitos é o modelo de inmigración legal que debe ser emulado noutras comunidades

G24.gal 11/05/2023 08:52 Última actualización 11/05/2023 09:13

As empresas galegas requiren de talento, máis do que pode encontrar no interior de Galicia, por iso a Secretaría Xeral de Emigración e a Consellería de Emprego están a impulsar a Estratexia Retorna Emprego, pola cal o retornado xa volve cun contrato de traballo.

Isto de por si xa está a chamar a atención da sociedade española, de feito, para moitos é o modelo de inmigración legal que debe ser emulado noutras comunidades. Un modelo onde os primeiros en entrar son os nosos, entendendo como tales a todos aqueles que teñen sangue galego e viven fóra de España.

Pero este mércores, Fundación Salcines, entidade colaboradora desta estratexia, fixo o seu segundo international speed recruiting, é dicir, conectou en directo e de modo virtual trinta empresas galegas con vinte e cinco profesionais galegos que viven na Arxentina, Alemaña, no Uruguai, Suíza e O Xapón, que traballan na loxística, informática e comercio internacional. Todos eles interesados en retornar a Galicia.

Neste caso, estivo dando as palabras de apertura a conselleira María Jesús Lorenzana, que estaba acompañada pola directora xeral Zeltia Lado. A continuación, cada candidato tivo dous minutos para indicar os seus principais diferenciais laborais.

Unha semana antes, a Fundación Salcines fixera algo parecido, neste caso con sesenta empresas tecnolóxicas, as principais de Galicia, e trinta enxeñeiros informáticos. E cada semana, e sempre dentro desta estratexia, reúne empresas con actividade en Galicia con profesionais que están a exercer noutros países.

O beneficio do sistema, novidoso para a maioría da sociedade, é que cada candidato pode recibir varias ofertas laborais e en consecuencia situarse nunha mellor posición para negociar á alza o seu potencial salario. Por outra parte, a empresa pode facer a súa preselección en moi pouco tempo, o que axiliza o proceso de contratación. 

Por último, e de cara ao que quere retornar, amósalle a existencia, en Galicia, dun amplo ecosistema empresarial de vangarda e necesitado de talento internacional. Un sistema transparente, limpo, que está a axudar a captar parte do talento que necesitamos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade