Dous obreiros feridos e varios veciños desaloxados na derruba da escaleira dun edificio en Ourense
Dous obreiros feridos e varios veciños desaloxados na derruba da escaleira dun edificio en Ourense
A escaleira cedeu durante as obras de instalación dun ascensor
Dous homes feridos en Ourense nun accidente laboral. Os dous obreiros estaban realizando traballos para instalar un ascensor nun edificio do centro da cidade, cando a escaleira cedeu e caeu á altura do segundo piso. Un deles, ferido grave, quedou atrapado baixo os cascallos. Os bombeiros tiveron que evacuar o edificio.
O ferido grave ten fortes golpes na cabeza. Os veciños escoitaron un ruído moi forte e despois os berros de auxilio do home atrapado baixo os entullos.
Os equipos de emerxencia tiveron que rescatar un veciño maior que vive no terceiro, e a empresa das obras terá que asegurar a escaleira para evitar máis desprendementos.
O equipo sanitario atendeu o obreiro que quedou atrapado tras derrubarse a escaleira do edifico en que traballaba. O accidente laboral obrigou á intervención de dúas unidades dos bombeiros de Ourense e a un amplo dispositivo policial. O home quedou ferido de gravidade tras un forte golpe na cabeza.
Había outro operario que sufriu mazaduras ao axudar o seu compañeiro e un terceiro que quedou atrapado nun andar do edificio e os bombeiros sacárono coa escada.
Os bombeiros tamén tiveron que rescatar tamén coa escada un veciño do terceiro andar. No resto de vivendas non había ninguén cando ocorreu o accidente. Por seguridade a Policía cortou o tráfico na céntrica rúa Sáenz Díez.
O accidente laboral mantivo cortada a rúa durante case dúas horas e xerou moita sorpresa e expectación entre os veciños que pasaban pola rúa.
Segundo confirmaron os bombeiros, o edifico non ten risco de derruba, pero os veciños aínda van tardar uns días en poder volver ás súas casas.
O edifico afectado ten catro plantas e oito vivendas. Os equipos de urxencia continúan traballando na zona.