Durmir na fin do mundo sen límite de prazas nunha autocaravana
Durmir na fin do mundo sen límite de prazas nunha autocaravana
Esta semana chegou a haber 300 vehículos pernoitando nos espazos naturais de Fisterra
Só no faro houbo algunha noite un cento de autocaravanas e furgonetas
Se o faro de Fisterra marcou durante séculos a fin do mundo á que chegar para cumprir coas promesas, este verán o cabo converteuse nun dos destinos máis cobizados para gozar do solpor e durmir coas mellores vistas a rentes dos cantís da Costa da Morte. Esta semana houbo noites en que se contabilizaron case 100 furgonetas e autocaravanas pernoitando nun espazo onde o océano non ten límites e os vehículos tampouco.
É media mañá. Os madrugadores que pasaron a noite aquí xa emprenderon camiño e os que pasarán a seguinte aínda están por chegar. Aínda así, quedan case 50 vehículos que gozan dun curruncho privilexiado que só un hotel, o Semáforo, podía ofrecer neste lugar. Os furgonetistas sábeno e din que a inmensa maioría é moi respectuosa co medio.
"Parécenos moi ben Galicia. É verdade que atopamos xente que coida moito o medio, con cámpers, autocaravanas... Que está regulado nalgunhas zonas máis ca noutras, pero isto é un privilexio. Poder durmir aquí esta noite é un privilexio".
"A xente que vimos en furgonetas camperizadas como se fose unha vivenda comemos na propia furgoneta, traemos bolsas do lixo onde tiramos todo".
Así foi a estampa das noites pasadas. Ningún regulamento impide estar aquí. O sinal prohibe acampar, é dicir, ocupar espazos lindeiros ao vehículo con mobiliario de exterior, pero non estacionar, e por iso non hai sancións para quen cumpra coa norma. Con todo, ante a masificación deste verán, o Concello recoñece a necesidade dunha ordenanza que regule este turismo. No cabo admiten que a presión causa prexuízos ambientais e dificultades para outras visitas. Así o recoñecía Débora Canosa, do Semáforo de Fisterra.
"Xa ves, aquí non hai límite de nada. Si veñen os policías municipais pola tarde gobernar o tráfico, pero estamos no mesmo. As autocaravanas están rebentando este miradoiro, que era precioso. Date de conta que soben 50, 60 ou 70 autocaravanas diarias. Quedan unha chea de días. Non veñen un día, fan unha noite e marchan. Non, non pagan impostos, ninguén lles di nada se están unha semana. A verdade é que tiñan que ter un límite e estar isto máis controlado".
E o faro é só un dos lugares escollidos. Tamén están no porto, nas praias e noutros espazos naturais de Fisterra. Chegáronse a computar 300 autocaravanas nunha soa noite.