Os afectados polas riadas en Neda pelexan coas aseguradoras mentres limpan os danos

Veciños e empresas implícanse cos afectados

G24.gal 16/11/2023 14:42 Última actualización 16/11/2023 15:01

Nerviosos e visiblemente afectados seguen os veciños da parroquia de Santa María, en Neda, dous días e medio despois da riada. "Levamos tres días limpando e retirando lodo, xa ves como está todo, inservible. Todo para tirar". "Eu nunca vin unha riada así". "Hai xente que o perdeu todo e non saben como saír adiante porque teñen que comezar de cero".

As perdas tamén son incalculables nun salón de peiteados. "A auga chegou a un metro de altura. Aquí pedín todo: produtos, secadores, bañeira de hidromasaxe... Todo".

Con todo, tras o vivido, saben que puido ser peor. Óscar, coa axuda dun veciño, tivo que rescatar a súa sogra. "Estaba berrando... imaxínate, espertou e tiña a auga pola cintura. O meu veciño axudoume para tirar a porta e poder collela".

E mentres se afanan na limpeza, tócalles tamén pelexar coas aseguradoras. "Os seguros non se fan cargo, agora é o Consorcio..." "Pero non todos os afectados teñen seguro. Eles non van poder recuperar nada de todo canto perderon".

Contan co apoio e axuda dos veciños. Tamén coa solidariedade dunha empresa de Valdoviño que xa se ofreceu a doarlles uns corenta colchóns.

E para que as súas casas non se volvan inundar, xa instalaron unha barreira con sacos de area e grava na zona onde a auga tirou o muro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade