En Ourense ultiman os preparativos para a festa dos Maios
En Ourense ultiman os preparativos para a festa dos Maios
En Ourense está xa case todo listo para a celebración dos Maios. Será o domingo cando grandes e pequenos tomen as rúas nunha das festas máis concorridas e con máis tradición na cidade. Nesta residencia de maiores San Xosé en Ourense teñen todo case a punto. Ultiman detalles, pero levan días elaborando o seu maio, as coroas e as coplas coas que sorprender e sacar un sorriso os veciños e viandantes. Din que é unha xornada que gozan moito, unha festa que lembran dende os seus tempos mozos.
Contan que levan días rematando os detalles para os Maios.
"Temos que facer as coroas, as coplas tamén, imos cantar un pouquiño a ver como sae".
"Estou facendo unha especie de colar para o labrego cuns carrabouxos".
Hoxe elaboran as últimas coroas de xestas que venderán canda as súas coplas.
"Xa as fixemos o ano pasado e varréronnolas todas a escape, cando veu a xente xa non tiñamos ningunha".
O domingo coas rúas ateigadas de xente presumirán de maio, o deles é un labrego segando a herba. Unha homenaxe aos traballos tradicionais do campo. A festa, din, tráelles unha chea de lembranzas.
"Eu lémbrome de cando era pequeniña e viña os Maios. Levántate maio e ponte de pé, que aínda non gañaches para tomar café. Iso era cando eu tiña aí nove ou dez anos".
Din estar agradecidos con tanta xente que se lles achega durante a festa. Tamén do tempo que pasan xuntos para que todo estea listo o domingo.
"Estamos xuntas todos os días e pasámolo moi ben, e gozamos desta festa tan bonita de Ourense".
E, claro, toca tamén quecer a gorxa, porque o domingo hai que cantar as coplas.
"Si, imos moi animadas e con idea de gañar porque temos traballado moito para facelo".
Agora co traballo feito xa só queda gozar da festa.