Ourense prepárase para festexar os Maios
Ourense prepárase para festexar os Maios
A cidade celebra este domingo a tradicional Festa dos Maios, así que os participantes xa andan ultimando os preparativos
Tamén preparan as coplas, rimas con moita retranca que se inspiran na actualidade local
As coplas resoan nas aulas das Franciscanas de Ourense. A actualidade municipal vista co filtro da retranca, desde a campaña electoral aos bonos dos cen euros.
"O señor alcalde, de onde os sacará", cantan os rapaces. "A intención da copla é un pouco ridiculizar o que fan", comenta un.
As coplas fanas os propios alumnos, seguindo as indicacións dos profesores. Todo un exercicio de lingua, literatura e creatividade.
Xián Bobillo, profesor de Lingua: "A construción poética, mellorar o vocabulario, e facer entre todos que haxa un humor de clase, un humor de grupo".
E mentres uns ensaian as coplas, outros vanlles dando forma aos maios. Neste colexio levan dez anos participando.
María Fernández Iglesias, profesora de infantil e coordinadora dos Maios: "Os pequeniños pintan os bugallos, os maiores axúdannos a colocar a tea de saco... o que queremos é que coñezan a tradición da cidade de Ourense".
Desde finais do século XIX hai rexistros da celebración dos Maios en Ourense. É unha das festas máis ancestrais e das máis concorridas da cidade. Toda unha tradición que estes mozos se encargan de conservar.
A festa celébrase o próximo domingo, con premios para os mellores maios e para as mellores coplas.