Entramos na darkweb, o paraíso dos delincuentes
Entramos na darkweb, o paraíso dos delincuentes
A zona máis escura de Internet é un gran supermercado de actividades delituosas: véndese armas, drogas e mesmo sicarios
A darkweb naceu como espazo seguro para salvar a censura en réximes totalitarios
"Venda de drogas, tráfico de pedofilia, venda de armas, alugueiro doutros ciberdelincuentes para outro tipo de actividades delituosas", enumera Antonio Caaveiro, oficial do Grupo de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional da Coruña.
E tamén sicarios. Sábeo Ana, a pontevedresa a quen a exparella quixo matar contratando uns sicarios por Internet. Cando unha xornalista lle contou os detalles.
"El especificou literalmente un accidente de tráfico ou un atropelo. Quedas en shóck, pensas que é unha cámara oculta ou unha película de ficción porque eu son unha persoa normal", relata Ana, a vítima.
Xente aparentemente normal é tamén a que visita a darkweb, por curiosidade ou para delinquir. Acceder pode parecer complexo pero depende só do empeño e as ganas.
"O máis coñecido é Tor e é tan sinxelo como acceder a unha páxina web do navegador Tor Browser, descargar o programa informático, instalalo no equipo e empezar a navegar", explica Caaveiro.
Esa zona escura de Internet naceu cun bo fin: crear un espazo seguro en réximes totalitarios. Pero tan seguro é que os ciberdelincuentes atoparon o seu paraíso.
"Os delincuentes danse conta que poden facer as súas actividades delitivas ou vender os seus produtos delitivos de maneira máis escondida a través da darkweb e estar á marxe da web superficial e dos metabuscadores", engade o membro do Grupo de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional da Coruña.
As investigacións policiais son longas e complexas, de ir desfacendo o camiño que antes fixeron os malos.
"Estamos nun sitio web que primeiro cifra e despois anonimiza a conexión. Como é un enrutamento cebola, pon un enrutamento por capas. A forma de investigalo é ir desfacendo esas capas", sinala Antonio Caaveiro.
O que máis abunda é a pedofilia, imaxes pornográficas terribles de nenos e nenas que circulan por millóns de ordenadores do mundo. Pero tamén a venda de datos roubados, de tarxetas por exemplo. Incrible o que se pode atopar aí dentro.