Francisco Peleteiro: "O Prestige acelerou as medidas de seguridade marítima"
Francisco Peleteiro: "O Prestige acelerou as medidas de seguridade marítima"
O avogado experto en Dereito Marítimo sostén que unha catástrofe similar hoxe en día tería consecuencias diferentes
Asegura que os servizos de Salvamento e Gardacostas contan con máis medios e maior coordinación
O avogado experto en Dereito Marítimo, Francisco Peleteiro Gallego, ten claro que vinte anos despois da catástrofe do Prestige "mellorou moito" o nivel de seguridade marítima.
Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, asegura que ante un sinistro destas características o importante é "limitar as consecuencias" ao máximo posible e que, nestes momentos, "estamos moito mellor preparados".
Segundo o letrado, o accidente do Erika fronte á costa francesa, ocorrido en 1999, "marcou un fito dende o punto de vista xurídico en canto á seguridade marítima", pero, cando ocorreu a traxedia en Galicia, aínda non dera tempo de "poñer en práctica toda as medidas acordadas".
Peleteiro considera que o caso do Prestige acelerou o desenvolvemento de certas medidas, como o dobre casco dos buques que transportan mercadorías perigosas ou o dispositivo de separación do tráfico marítimo que hoxe está máis lonxe do litoral galego.
"Fronte á costa galega temos un dos pasos máis importantes do mundo en tráfico marítimo (...), hai unha especie de autoestrada marítima con carril de subida e carril de baixada para evitar accidentes e están máis afastados da costa".
Subliña que os portos españois están máis preparados para facer fronte á contaminación e que a Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo e os Gardacostas de Galicia contan cuns medios e uns remolcadores de altura que hai vinte anos non tiñan.
"Construíronse dous portos exteriores, (Ferrol e A Coruña), que están afastados dos centros de poboación e poderían servir de refuxio dun barco nunha situación complicada".
Pero ademais dos medios, o experto salienta a necesidade de dispor do mellor persoal profesional e que traballe en coordinación.
"O importante é que haxa técnicos e que as decisións que se tomen sexan respaldadas sempre por técnicos".