España perde o bronce ante Alemaña e vaise de París sen medalla
España perde o bronce ante Alemaña e vaise de París sen medalla
O conxunto adestrado por Montse Tomé non puido co equipo teutón (1-0)
Teresa Abelleira disputou 85 minutos do encontro
Malas novas desde Lión. A selección española de fútbol feminino non puido conseguir o bronce ao caer derrotada ante Alemaña. O equipo teutón venceu ás vixentes campioas do mundo por un único gol, obra de Giulia Gwin.
A pesar de contar coas mellores ocasións, España non conseguiu anotar na primeira metade. A trabe superior da portería defendida por Berger impediu que a falta lanzada por Teresa Abelleira ou o disparo de Aitana Bonmatí subiran ao marcador.
Xa na segunda parte, Alemaña aproveitou unha mala saída de Cata Coll e conseguía adiantarse no electrónico. A porteira do FC Barcelona varreu na súa área á atacante Gwin e a colexiada non dubidou un intre en sinalar penalti. A xogadora do Bayern enganou a Coll e anotaba o 1-0 desde os 11 metros. España tentou darlle a volta á situación pero con nulo éxito. A piques de rematar o encontro, Minge derribou a Lucía García e o conxunto adestrado por Montse Tomé conseguía unha pena máxima coa que empatar o encontro. Alexia Putellas tivo na súa bota a prórroga, pero errou, e o fútbol feminino español queda sen a súa primeira medalla olímpica.
Pola súa parte, Teresa Abelleira xogou de inicio e disputou os primeiros 85 minutos do encontro. A xogadora pontevedresa ocupou a posición de pivote e amosou un bo rendemento ao longo de todo o partido.