Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arranca co Venres de Dores a Semana Santa de Ferrol, con varias novidades

Arranca co Venres de Dores a Semana Santa de Ferrol, con varias novidades

Agardan a chegada de 300.000 visitantes e uns ingresos de 50 millóns de euros

G24.gal 22/03/2024 14:47

Ferrol arranca esta Semana Santa cunha novidade da confraría de Dores, esta mesma tarde. "Será contra as sete e media da tarde. Daquela terá lugar o traslado do Cristo da Misericordia e a Virxe de Dores desde a concatedral de San Xiao ata a igrexa de Dores", explica Juan Martín, da confraría de Dores.

A confraría da Mercé tamén estrea procesión o Xoves Santo. E para que todo saia perfecto, máis de tres mil persoas ultiman os preparativos. "Estamos con moitos nervios e con moita ilusión. Levamos todo o ano traballando e agora estamos cos últimos preparativos", di Elena Pena, da confraría da Mercé.

Desde o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección está previsto que saian un total de 26 procesións das cinco confrarías, que serán seguidas por milleiros de persoas. "Agardamos a chegada de 300.000 visitantes e uns ingresos duns 40 ou 50 millóns de euros", comenta Emilio Vázquez, presidente da Asociación de Empresarios e Hostalería de Ferrol e comarca.

As reservas en hoteis e restaurantes roldan case o cheo. "Para toda a semana temos un 80 por cento. De mércores a Domingo temos cheo. Agora estamos pendentes do tempo, das reservas e cancelacións de última hora", di Juan Carlos Rodríguez, recepcionista do hotel Alda El Suízo.

Agora só queda confiar en que o tempo acompañe nesta Semana Santa que cumpre dez anos co recoñecemento de Interese Turístico Internacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade