Publicador de contidos
Publicador de contidos

Eugenia Pérez: "Estamos facendo unha oferta récord na FP para o curso vindeiro en Galicia"

Eugenia Pérez: "Estamos facendo unha oferta récord na FP para o curso vindeiro en Galicia"

A directora xeral de FP da Xunta destaca que na FP Dual Intensiva hai "un incremento dun 45 % da oferta"

Sinala que se trata de "dar resposta ás necesidades das empresas galegas para ter profesionais cualificados e favorecer a empregabilidade do alumnado"

Recoñece a dificultade de incorporar alumnado vinculado á construción e avoga por "facer moitísima máis difusión e actualización da visión" deste sector "fundamental"

G24.gal 05/06/2024 10:23

A directora xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia, Eugenia Pérez, sinala que de cara ao vindeiro curso 2024-2025 "estamos facendo unha oferta récord, superando cada ano con creces a oferta anterior" en prazas de FP.

Asegura que se trata da "maior que se fixo nunca en Galicia, e que vén en resposta a esas demandas de alumnado para facer Formación Profesional, pero tamén demandas desde os sectores produtivos para contar con profesionais cualificados, con técnicos cualificados nos diferentes sectores". Así o manifestou este mércores nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

O Consello da Xunta aprobaba esta semana as prazas dispoñibles para o vindeiro curso: 47.000 prazas de novo ingreso na FP, 4.500 máis ca neste curso. Entre os ciclos máis demandados, Eugenia Pérez apunta que "hai unha demanda importante nos ciclos sanitarios e nos ciclos de educación infantil. En xeral, a demanda é importante na maior parte das familias profesionais que ofertamos".

Para o curso vindeiro estréanse ciclos de transporte por estrada e aproveitamento forestal, que "responden á necesidade de man de obra das empresas", segundo a directora xeral de FP.

"O ciclo de transporte por estrada é un ciclo que vai formar persoas, profesionais para conducir os vehículos pesados (autobuses, camións...), o sexa, unha demanda que nos viña facendo este sector nestes anos e que, por fin, podemos, a través, da Formación Profesional Dual pór en marcha estes ciclos en colaboración con empresas de Galicia. Temos un ciclo no Valentín Paz Andrade de Vigo e outro no centro integrado As Mercedes de Lugo. Directamente son formacións que se realizan co sector correspondente e que, polo tanto, dan resposta directa a unha demanda. O mesmo pasa co ciclo de aproveitamentos forestais. Este é un sector que está a demandar profesionais cualificados para afrontar toda a actividade forestal que temos en Galicia, que é unha actividade moi significativa".

Sobre a diferenzas entre a FP dual e o resto de ciclos, Eugenia Pérez explica que "os ciclos de Formación Profesional Dual se chamarán a partir deste curso Dual Intensiva, e son aqueles que a formación se realiza combinada entre un centro de FP e unha empresa ou conxunto de empresas. Unha formación que no período que establece de formación na empresa, o alumnado está remunerado por esa empresa e está dado de alta na Seguridade Social. Son ciclos que teñen unha maior implicación por todas as partes e que permiten ao alumnado ter un coñecemento moito máis intensivo do que é o traballo na empresa, e é unha formación que ten un maior número de horas, xa que a estadía na empresa é superior. No conxunto da formación, é unha formación máis intensa, máis completa e que dá resposta directa a unha demanda existente no mercado".

Afirma que "a FP Dual témola practicamente en todos os ámbitos. Nesta importante oferta que se realiza para o curso 24-25, na FP Dual Intensiva temos un incremento dun 45 % de oferta respecto ao ano anterior. Unha oferta que tamén quero destacar que se amplía de forma considerable no que é a formación de alta especialización, que é unha formación que estamos a realizar dentro desta dinámica moi adaptada e moi en resposta ás demandas dos sectores produtivos galegos. É dicir, unha demanda na que se combina, non só un título único, senón ese título, ás veces, con dobres titulacións ou con oferta parcial doutros títulos, dando lugar a un perfil profesional único que responde ás demandas actuais dun sector produtivo. Tratamos de dar resposta ás necesidades empresariais de favorecer que as nosas empresas poidan ter profesionais cualificados, pero tamén favorecemos a empregabilidade para o noso alumnado".

Para o vindeiro curso hai trece os títulos de alta especialización novos "nos sectores de fabricación mecánica, construción, automoción, turístico, cantería, seguridade en vehículos híbridos e eléctricos, produtos alimentarios, é dicir, son trece novos títulos que se encadran nas diferentes familias profesionais", indica a directora xeral de FP da Xunta de Galicia.

Sobre a falta de man de obra na construción, recoñece que "é un sector difícil para incorporar alumnado. Temos unha oferta que se foi incrementando. O centro de Poio vai facer unha oferta cunha ampliación con catro ciclos de cara ao próximo curso, soamente nun centro. É unha oferta que costa en moitos casos que teña alumnado que cubra a totalidade das prazas. Quizais porque hai unha visión tamén destas profesións pouco actualizada".

"Na actualidade, moitos dos traballos que se desenvolven son de alta cualificación e con convenios colectivos nos que se manexan horarios flexibles e moi adaptados á vida actual. Iso, ás veces, non é suficientemente coñecido polo alumnado e aí temos que facer moitísima máis difusión e actualización da visión que hai destas profesións nas que hai moita necesidade de persoas para traballar e que tamén son sectores fundamentais para que todos poidamos ter os servizos que requirimos en cada momento".

Para calquera consulta, Eugenia Pérez recomenda que as familias "poden acudir ao noso portal educativo edu.xunta.gal/fp e aí terán toda a información sobre a nosa oferta de FP como o referido ao proceso de admisión, que tamén intentaremos publicar ese proceso con datas, con prazos de preinscrición e de matrícula nos vindeiros días".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade