Falece nun accidente no rally Val de Laciana, en León, a moza de Boiro Bárbara Gómez
Falece nun accidente no rally Val de Laciana, en León, a moza de Boiro Bárbara Gómez
Participaba de copiloto na proba en Ponferrada canda Tinín Iglesias, que resultou ferido no sinistro
A moza boirense Bárbara Gómez Oubel, de 29 anos, morreu este sábado como consecuencia das feridas sufridas nun accidente grave cando disputaba como copiloto o rally Val de Laciana, en León.
Todo indica que as adversas condicións meteorolóxicas na zona puideron causar que o turismo no que ía, un Ford Fiesta N5, se fora da estrada nunha curva e chocara contra un muro.
Varias ambulancias e os bombeiros de Villablino mobilizáronse ata o lugar do accidente. Tiveron que excarcerar os dous ocupantes do coche que quedaron atrapados tras o impacto.
A muller sufriu distintas feridas que lle causaron a morte no instante. O piloto do vehículo, Constantino Iglesias, coñecido como Tinín, no mundo do motor, tivo distintas lesións e levárono ata un hospital pero permanecía consciente.
O tráxico suceso conmocionou o mundo dos rallys e a escudería Laciana Motor, que organizaba este evento deportivo, tomou a decisión de suspender a proba e cancelar as cinco especiais que quedaban por disputar. Todo sucedeu durante a terceira pasada ao treito de Leitariegos.
Bárbara Gómez, nada en Rianxo en 1994, residía desde hai anos en Boiro, onde traballaba no grupo Jealsa. Pertencía a unha familia moi coñecida na vila e o seu falecemento causou unha gran consternación.
Tiña unha traxectoria destacada no automobilismo, xa que iniciou a súa carreira aos 16 anos. Os primeiros pasos deunos en Taragoña, no autocrós do Castro, co que colaboraba na organización, e sumouse moi cedo aos membros da escudería Rallyactividad.
Tras coñecer a Tinín Iglesias comezou a competir canda el en 2017, co equipo Desguaces Tino Rácing.