Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un robot subacuático súmase á busca do neno de 10 anos arrastrado polo Miño en Arbo

Un robot subacuático súmase á busca do neno de 10 anos arrastrado polo Miño en Arbo

O pai do cativo, de 42 anos, morreu afogado cando intentaba auxiliar o seu fillo

Mergulladores, drons e equipos por terra realizan unha intensa busca para localizar o rapaz

A familia gozaba dunha xornada de lecer na praia fluvial da localidade

G24.gal 30/04/2022 22:21 Última actualización 13:15 01/05/2022

A primeira hora deste domingo retomouse a busca do neno de dez anos que o sábado pola tarde desaparecía arrastrado pola corrente do río Miño, á altura da praia fluvial do concello pontevedrés de Arbo. O seu pai, un veciño de Vigo de 42 anos, botouse á auga para acudirlle, pero tamén foi arrastrado e acabou afogando. Mentres a súa dona e outra filla menor asistían impotentes ao drama.

"A criatura caeu nos coios, entrou pola boca dun pesco e o pai cerroullo á criatura, pero coa presión que manda a auga contra as pedras, tamén el debeu mazar o corpo. Despois pediu para adiante e marchou agarrado á criatura e despois xa ninguén sabe nada", relataba Juan José Estévez, un pescador da zona.

Efectivos da Comandancia Naval de Mariña, Garda Civil e Axega, entre outros, así como medios procedentes de Portugal reiniciaban o rastrexo do río esta mañá.

"Imos ver a partir da zona onde onte caeron estas dúas persoas. Imos tentar buscar nas pozas próximas ao lugar, a ver se temos sorte cando veñan os mergulladores", comentaba Francisco Javier Martín, Capitán e xefe da Compañía da Garda Civil de Tui.

A busca, apoiada por embarcacións da Mariña, e mergulladores da Garda Civil e drons, estase centrando no lugar onde foi recuperado o corpo do pai e tamén nunha zona acoutada chea de pozas profundas nas que podería estar atrapado o corpo do pequeno.

"O río fai uns recunchos que a mesma presión cando vai baixando fai que se formen remuíños enriba desa poza. Métente e non te deixan saír. Sospeitamos que poida ser por aí onde atopemos algo", explica Pablo Redondo, Comandante Naval do Miño.

Co nivel do río ao mínimo, limitado polo encoro da Frieira, o operativo de busca espera atopar o corpo do neno nas vindeiras horas, porque senón a forza da corrente podería desprazalo quilómetros e complicar a súa localización durante días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade