Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un motorista nun accidente na N-541 en Cerdedo-Cotobade

Falece un motorista nun accidente na N-541 en Cerdedo-Cotobade

O home foi trasladado en ambulancia con vida ao hospital Montecelo, onde finalmente faleceu

O Goberno cre que non hai motivos para adiantar as obras na N-541

Foto facilitada polo concello de Cerdedo-Cotobade
G24.gal 13/01/2023 12:06 Última actualización 13/01/2023 16:17

Un veciño de Marín de 52 anos faleceu na mañá deste venres tras sufrir un accidente de moto en Cerdedo-Cotobade. O accidente produciuse pouco despois das nove e media da mañá na estrada N-541 ao seu paso pola parroquia de Tenorio, nun tramo en curva no quilómetro 82,800.

O motorista circulaba en sentido Pontevedra-Ourense cando, segundo confirmou a Garda Civil, perdeu o control do vehículo e foi bater contra a varanda de protección do outro lado da vía. 

A chamada dun particular alertou o 112. Cando os efectivos de emerxencias chegaron ao lugar o condutor aínda estaba con vida pero faleceu pouco despois no traslado ao hospital de Pontevedra. 

Segundo informou o 112 Galicia, o home caeu da moto e estaba liberado e accesible á chegada dos servizos de emerxencias.

A Garda Civil segue investigando as causas do accidente. Esta estrada é a mesma onde se produciu o sinistro de autobús da pasada Noiteboa en que faleceron 7 persoas ao se precipitar o vehículo ao río Lérez.

A consecuencia disto, multiplicáronse as chamadas de atención sobre o mal estado da vía. Sete concellos da zona acordaron pedirlle conxuntamente ao Goberno central, titular da estrada, unha intervención integral. Consideran que esta vía é unha canle estratéxica para a conexión entre o Eixo Atlántico e o interior da península. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade