Un traballador morre en Pontevedra tras caer dunha altura de 20 metros
Un traballador morre en Pontevedra tras caer dunha altura de 20 metros
O suceso produciuse no lugar de Pazos, na parroquia de Marcón, onde o falecido traballaba nunha nave industrial
Trátase do segundo caso de accidente laboral mortal ocorrido en apenas 24 horas, tras o ocorrido este martes en Santiago en circunstancias semellantes
Un traballador faleceu este mércores tras caer dunha importante altura mentres realizaba traballos de reparación nunha nave industrial da parroquia pontevedresa de Marcón, no lugar de Pazos.
Segundo informa o 112 Galicia, o suceso ocorreu minutos antes das 9:00 da mañá. O falecido, que pertence a unha empresa de reformas e servizos, subiu a unha altura duns vinte metros, caeu, quedou tendido no chan e faleceu no acto, facendo inútiles os esforzos dos servizos de emerxencia desprazados ao lugar.
Ata o lugar tamén se desprazaron varias patrullas da Policía Nacional, da Policía Xudicial e un inspector do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, para intentar determinar as causas deste fatal sinistro.
O falecido é un veciño de Mourente, de 42 anos. Durante as primeiras horas da mañá amigos e familiares achegáronse ata esta nave para acompañar o irmán do falecido que traballaba con el.
Con este son dous os casos de accidentes laborais co resultado da morte do traballador ocorridos en circunstancias semellantes en dúas xornadas consecutivas, tras o falecemento doutro traballador este martes en Santiago.