Falecen catro inmigrantes en Cádiz ao ser obrigados a tirarse ao mar desde unha embarcación

Outros catro sufriron unha hipotermia grave e foron trasladados a un hospital 

G24.gal 29/11/2023 18:14 Última actualización 29/11/2023 18:49

Catro inmigrantes magrebís morreron en augas de Cádiz e outros catro foron trasladados ao hospital cunha hipotermia grave. O suceso aconteceu este mércores, cando os pilotos da embarcación semirríxida en que viaxaban obrigaron aos ocupantes a tirárense ao mar.

O bote chegou primeiro ás inmediacións da praia de Camposoto, en San Fernando; alí, os seus tripulantes obrigaron a 27 dos seus ocupantes a lanzarse ao mar. Deles, 23 foron rescatados con vida e catro morreron.

Os pilotos da embarcación continuaron a marcha cara ao Caño de Sancti Petri, onde obrigaron a outras oito persoas a botárense á auga. Foron tamén rescatadas, aínda que catro delas tiveron que ser trasladadas ao hospital con hipotermina grave.

Unha desas persoas contou que se negaron a lanzarse ao mar, como fixeran os outros ocupantes, pero os pilotos ameazáronas cun coitelo para que o fixesen, segundo fontes de Cruz Vermella. 

Posteriormente, os pilotos da embarcación fuxiron mar dentro. Policía Nacional, Garda Civil e Salvamento Marítimo, e tamén equipos de atención de Cruz Vermella, acudiron á zona para atender os inmigrantes e iniciar a investigación sobre o sucedido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade