Falecen dous homes nun choque entre unha furgoneta e un camión en Begonte
Falecen dous homes nun choque entre unha furgoneta e un camión en Begonte
As vítimas, dous veciños de Curtis de 66 e 67 anos, tiveron que ser liberadas do interior do vehículo, que sufriu moitos danos no impacto
Dúas persoas faleceron este martes en Begonte (Lugo) ao chocar a furgoneta en que viaxaban cun camión que transportaba cereal. Os corpos das vítimas tiveron que ser liberados do interior do vehículo, que sufriu moitos danos a causa do impacto.
Os falecidos foron dous homes do municipio de Curtis (A Coruña), o condutor da furgoneta, de 66 anos de idade, e a persoa que viaxaba como acompañante, de 67 anos. Incorporábanse coa súa furgoneta á Nacional Sexta cando foron arremetidos por un camión que os desprazou uns 25 metros. Froito do violento impacto os seus dous ocupantes quedaron atrapados e os efectivos sanitarios atopáronos xa mortos cando chegaron ao lugar do sinistro.
Segundo informou o 112, o suceso tivo lugar ás 11:00 horas, momento en que diversos particulares deron aviso ao servizo. O choque entre a furgoneta e o camión bañeira, que transportaba cereal, produciuse na LU-P-1611 cruzamento coa N-VI, no punto 523.
O condutor do camión implicado, que transportaba cereais desde o porto da Coruña, resultou ileso. Como consecuencia da colisión, parte da carga que transportaba o camión esparexeuse pola calzada, na que traballan os servizos de emerxencia. Ao lugar tamén se desprazaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES Friol-Pas, a Garda Civil de Tráfico, psicólogos (GIPCE) e os bombeiros de Vilalba, que traballan na liberación dos corpos.