Fartos dos incidentes violentos, veciños do barrio coruñés dos Mallos preparan unha concentración
Fartos dos incidentes violentos, veciños do barrio coruñés dos Mallos preparan unha concentración
Denuncian roubos, liortas e venda de droga polo miúdo
Os veciños dos Mallos esta mañá respiraban máis tranquilos grazas á presenza policial ás portas dun baixo que leva sobre un ano ocupado de xeito ilegal. E é que aínda teñen o susto no corpo tras a última pelexa, a pasada fin de semana, contra as dez da noite.
"Preto desta zona, nun establecemento, un home rouboulle o teléfono móbil a outro e fuxiu correndo. A vítima foi detrás del e chegou ata o baixo que está ocupado. Chamou á porta e como ninguén lle abriu, deulle unha patada a un dos cristais. Un dos ocupantes ilegais saíu á rúa e comezaron a pelexar. Un dos homes sufriu un gran corte nunha perna e tivo que ser trasladado ao CHUAC nunha ambulancia", explica un veciño.
No barrio contan que non é un caso illado.
"Todos os días pasa algo", "Aquí hai pelexas, roubos...", "Aí dedícanse á venda de droga polo miúdo", comentan no barrio.
Así que fartos de todos estes episodios violentos, os veciños preparan xa unha concentración como sinal de protesta.
"Está solicitada e agardamos que a autoricen porque algo hai que facer", di un residente.
E piden que a presenza policial sexa constante para poder vivir tranquilos.