Feijóo confirma que Gamarra non seguirá como portavoz do PP no Congreso

Segundo explicou o presidente do Partido Popular, a secretaría xeral do partido "non pode ser á vez portavoz parlamentaria no Congreso"

Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feijóo no Congreso dos Deputados (EFE/Kiko Huesca) Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feijóo no Congreso dos Deputados (EFE/Kiko Huesca)
G24.gal 21/11/2023 11:35 Última actualización 21/11/2023 12:12

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que Cuca Gamarra non seguirá como portavoz do grupo popular no Congreso ao explicar que acometerá cambios nas dúas cámaras lexislativas e facer fincapé en que a secretaría xeral do partido "non pode ser á vez portavoz parlamentaria no Congreso".

Nunha entrevista en Antena 3, Feijóo confirmou as próximas substitucións nas portavocías do Congreso e o Senado, e en concreto referiuse á incompatibilidade entre o cargo da Secretaría Xeral do partido e a dirección do grupo parlamentario no Congreso.

Á pregunta de se iso significa que vai seguir Gamarra como secretaria xeral do PP, contestou: "Parece que todas as súas deducións están moi ben feitas, pero eu non o dixen".

Feijóo comentou que ten intención de facer "nas próximas horas ou días", iso si, dentro deste mes, tal e como se comprometeu, os cambios para reordenar os grupos parlamentarios e tamén o partido.

Para levalos a cabo o líder do PP terá que convocar antes ao Comité Executivo do seu partido.

O PP convocará unha nova mobilización contra a amnistía a primeiros de decembro

Durante a mesma entrevista, Alberto Núñez Feijóo anunciou que o seu partido volverá convocar unha nova concentración para defender a Constitución e a igualdade de todos os españois "nos primeiros días de decembro".

O presidente do PP dixo que no novo Goberno, que está integrado por 22 ministros, sobran "oito ou nove ministros", e que el o deixaría en 13 ou 14 se fose o presidente.

Na súa análise do Executivo, Feijóo dixo que hai unha "politización da xustiza máxima" ao asumir Félix Bolaños os tres poderes: Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, e foi máis alá ao apuntar que os seus antecedentes son "lamentables desde o punto de vista da credibilidade".

Feijóo afirmou, por outra banda, que quere renovar o poder xudicial, como di Europa, para que sexa independente. Se é así, haberá renovación, pola contra, será difícil, comentou.

E é que, na súa opinión, boa parte dos cidadáns ten "sospeitas" sobre a composición do Tribunal Constitucional. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade