Ferido un home en Laxe tras estoupar unha bombona coa mangueira caducada
Ferido un home en Laxe tras estoupar unha bombona coa mangueira caducada
A vítima sufriu queimaduras nas mans e varios cortes
Un veciño do concello de Laxe quedou ferido tras estoupar unha bombona conectada a un quentador na súa vivenda, situada na rúa Isidro Parga Pondal.
Segundo o 112, no interior da casa había dúas bombonas coas mangueiras caducadas que non pasaran as revisións correspondentes, o que puido favorecer a acumulación de gas.
Varias persoas avisaron á Axencia Galega de Emerxencias pasadas as oito do serán ao escoitar un estrondo no edificio afectado, de tres andares.
Arderon algúns mobles, a zona onde se atopaba o quentador e unha cociña de gas. Ademais, a onda expansiva afectou outras dúas estancias, provocando a ruptura de cristais, que caeron á rúa.
Queimaduras e cortes
O home sufriu queimaduras nas mans e tamén cortes, pero foi atendido por persoal sanitario do 061 no lugar dos feitos e non precisou ingreso hospitalario.
Un veciño accedera ao domicilio e atopara o ferido tendido no chan do baño, posto que o incidente ocorreu mentres tentaba ducharse.
No operativo participaron tamén os Bombeiros de Bergantiños, membros do GES de Ponteceso, axentes da Garda Civil e efectivos de Protección Civil da localidade.
Por seguridade, acordoouse o perímetro da fachada. Convén indicar que desde o 112 tamén se pasou aviso á empresa subministradora de gas da zona.