Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ferido un mozo de 21 anos nunha proba ciclista en que irrompeu un coche que logo fuxiu

Ferido un mozo de 21 anos nunha proba ciclista en que irrompeu un coche que logo fuxiu

A Garda Civil busca o vehículo, un Cupra gris coas lamias de cor cobre

O rapaz ingresou no hospital Cunqueiro con feridas na cara, queimaduras no 7 % do corpo e rompeu o pulso 

G24.gal 03/06/2024 13:42

Un ciclista de 21 anos resultou ferido de gravidade esta fin de semana cando participaba nunha competición na comarca do Baixo Miño. O condutor que provocou o accidente non se detivo a socorrelo

Yago Trigo permanece hospitalizado no Álvaro Cunqueiro, recuperándose das múltiples feridas que sufriu cando un coche invadiu a estrada en que participaba na segunda volta ciclista ao Baixo Miño na categoría sub-23. O condutor fuxiu e os pais de Iago denuncian en Televisión de Galicia a falta de seguridade nunha competición que puido converterse nunha traxedia, porque os corredores descenderon nalgúns momentos por riba dos cen quilómetros por hora. 

José Manuel Trillo, pai do rapaz, relata que "o meu fillo vai pola esquerda, porque era unha carreira e podía ir perfectamente, e veu un coche de fronte e esquivouno, pero ían un grupo de seis ou oito ciclistas, os demais apartáronse para a dereita, e quixo esquivalo pola esquerda, apartouse a beiravía, e o coche tamén foi para a beiravía. Foron os dous para o mesmo sitio e meu cativo caeu".

Yago Trillo, de 21 anos, recupérase despois de ser intervido cirurxicamente polas feridas sufridas na proba. Rompeu o pulso, ten feridas en toda a cara e queimaduras pola fricción no 7 % do corpo.  O seu pai considera gravísimo que algo así suceda nunha proba ciclista: "Un suceso que non pode ser porque era unha baixada en que os ciclistas acadan velocidades de 80, 90 ou 100 quilómetros por hora e que che veña un coche de fronte, iso é inconcibible. Alguén ten que ser responsable diso, non sei se foi o condutor, que o avisaron e saíu a estrada sen avisar, se non o pararon, non o sei".

Baixaba do alto de San Antoniño con algúns dos seus compañeiros do club Norinver e outros participantes da proba cando irrompeu no medio da estrada un coche a gran velocidade. Os pais, que se desprazaron inmediatamente dende Asturias, onde residen, non cren que algo así suceda nunha proba ciclista. 

Dende a organización da proba lamentan o ocorrido. Din que contaban con vinte e catro vehículos de seguridade, pero que garantila ao cen por cento é imposible.

Xornada fatídica a de onte para os ciclistas, cun home de 64 anos ferido ao bater co grupo en que ía un coche que tamén fuxiu na estrada de Oia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar