Final feliz para a vaca Lola: foi rescatada despois de catro noites á intemperie
Final feliz para a vaca Lola: foi rescatada despois de catro noites á intemperie
Saíu polo seu propio pé da beira do río Deza
Tras abrirse un camiño para salvala, continúan os traballos para acondicionar a zona
Atravesando o son dos disparos das cámaras, a vaca Lola conseguiu saír polo seu propio pé da beira do río Deza.
"Tamén xa había ganas de que saíra de alí. Desde o venres...", comenta Manuel, o primeiro en atopala cando fuxira. "E desde que lle prepararon o camiño saíu moi ben, e xa a levaron á granxa".
Na granxa, a mirada de Lola reflicte o sosego de quen volve ao fogar. "O primeiro que ten que facer un bo granxeiro ao levantarse pola mañá é mirarlles os ollos aos animais", explica María, a dona de Lola. "E esta onte tiña unhas olleiras... Agora xa lle brilla o ollo".
Pero volveu á casa co susto aínda no corpo. "Véxoa algo máis delgada, un pouco nerviosa. Pero aínda puido ser peor".
Foi toda unha carreira a das tres vacas fuxindo de algo durante cinco quilómetros ata o río. "Como correron tanto, suaron moito, e ao caeren no río sufriron un contraste moi forte de temperatura". Lola sufriu pneumonía e inmobilidade.
Calculan que necesitará unha semana máis para estar ben de todo e que en quince días parirá. Outro final feliz que sumar a esta aventura que inventou un camiño. Mesmo coa vaca salvada continuaban os traballos para deixar correctamente acondicionada a zona.
Os donos de Lola non cansan de agradecer aos veciños e ao Concello de Vila de Cruces todo o traballo destes días de susto. "E todo por unha vaca. Pero notamos que nos quere moito a xente, e iso vale moito".
Final feliz para este conto de outono.