Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cinco galegos e unha muller peruana, os falecidos do autocar de Cerdedo

Cinco galegos e unha muller peruana, os falecidos do autocar de Cerdedo

Profunda conmoción no Deza, de onde eran catro das vítimas, tres veciños de Agolada, dous deles nai e fillo residentes en Lalín, unha gandeira xubilada e unha profesora de Instituto do Carballiño, que tamén vivía en Lalín

No concello de Nigrán, de onde é natural Eneas Valverde, de 21 anos, decretaron tres días de loito oficial

G24.gal 25/12/2022 21:34 Última actualización 25/12/2022 22:20

Na aldea de Santo André, no concello de Agolada, residía María Mercedes Castro, de 58 anos, unha gandeira xubilada que viaxaba desde Lalín para pasar a noite coa súa familia en Pontevedra. A noticia da súa morte causou unha fonda conmoción na súa parroquia e en todo o concello de Agolada.

“É un día moi triste, xa somos poucos e imos quedando menos. Claro que a coñecía, nacemos na mesma aldea”, explica un veciño da vítima do accidente.

A conmoción é compartida no concello limítrofe de Lalín, e especialmente entre as comunidades educativas de dous institutos de ensino secundario. Alí deu clase durante varios cursos a profesora Guadalupe Díaz, de 44 anos.

Outros dous dos falecidos, nai e filllo, son Cruz Castro, xubilada tras anos como empregada dunha pastelería, e Xaime Val Castro, que residían en Lalín e eran naturais de Agolada.

Nos catro casos subiron ao autobús para viaxar ata Pontevedra, onde ían pasar a Noiteboa cos seus familiares na cidade.

No concello de Nigrán as bandeiras están a media hasta por Eneas Valverde. Tiña 21 anos. Practicaba boxeo e estudaba en Lugo, onde collera o autobús para cear coa súa familia en Nigrán.

Outros dos seis falecidos volvían de visitar os seus familiares internos no cárcere de Monterroso. Unha das falecidas é unha muller peruana residente en Soutomaior, da quer só transcendeu que se chamaba Edit e que subiu ao Monbus na parada anterior ao accidente. Era nas proximidades da casa de Cerdedo onde traballaba no coidado dunha persoa maior.

Son as historias que están detrás do accidente do autobús no río Lérez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade