Galicia vai prohibir as bebidas enerxéticas para menores o ano próximo
Galicia vai prohibir as bebidas enerxéticas para menores o ano próximo
Unha lata de medio litro equivale a catro cuncas de café
Case a metade dos estudantes de secundaria toma de forma habitual bebidas enerxéticas, segundo a última enquisa sobre o uso de drogas encargada polo Goberno. Para concentrárense ante un exame, para non adormeceren ou para iren de festa, mesmo mesturadas con alcohol: o consumo destes produtos estimulantes medra entre a mocidade.
"Pode ser unha bomba de reloxería. É unha bebida que non está recomendada para adolescentes e nenos porque ten un impacto importante na saúde", di a especialista en endocrinoloxía e nutrición Mercedes Noval.
Tomar unha lata de medio litro de calquera destas bebidas equivale a catro cuncas de café. As consecuencias na saúde poden ser máis negativas para un menor que para un adulto.
"Pode aumentar o riso cardiovascular, producir taquicardias e impacta sobre todo no sono: irritabilidade, alteracións no comportamento, etc...", afirma.
Amais da cafeína achegan unha gran cantidade de azucre.
"Aumenta o risco de ter diabetes, obesidade, hipertensión...", asegura.
Para atallar a situación, Galicia prepara unha lei que vai equiparar estas bebidas co alcohol. A norma prohibirá a súa venda e o consumo a menores de idade a partir do ano que vén.