Publicador de contidos
Publicador de contidos

Homenaxe familiar a Diego Bello, asasinado hai dous anos nas Filipinas

Homenaxe familiar a Diego Bello, asasinado hai dous anos nas Filipinas

Os familiares convocaron unha cita polas redes sociais para honrar a este emprendedor coruñés tiroteado pola policía filipina

G24.gal 09/01/2022 13:50

Queren xustiza para Diego, pero tamén que ninguén esqueza a atrocidade cometida con este emprendedor coruñés que, con trinta e dous anos, perdía a vida nas Filipinas hai dous anos a mans de tres policías, que o acusaban de narcotraficante e de dispararlles cando o foron deter, extremo desenmascarado por investigacións posteriores.

A familia agora está pendente de que saia o xuízo contra os autores dos disparos, que están imputados por asasinato, perxurio e falsificación de probas.

"Non nos van devolver a Diego pero se se pode facer xustiza legalmente, moralmente, imos descansar un pouco mellor. Aínda que ímoslle seguir rendendo homenaxes ano tras ano, día tras día, que os culpables paguen é algo que moralmente necesitamos", comenta Bruno Bello, irmán da vítima.

Un informe da fiscalía filipina e de investigadores internos desmontaba os principais argumentos expostos polos axentes, que aseguraban actuar en defensa propia, e que foi a vítima a que empezou a dispara. Diego morreu de seis disparos, un deles na testa.

O informe da fiscalía asegura que todo se trata dunha montaxe policial, que a vítima non era ningún narcotraficante e que o bolso onde supostamente agochaba a pistola, que describiron os policías, nin sequera existía.

"A investigación que fixo unha especie de FBI filipino demostra punto por punto que non foi así, que foi unha execución extraxudicial", sentenza Bruno.

Dende este mediodía os familiares organizaron un encontro aberto a través de Facebook  na páxina da "Plataforma Xustiza para Diego". Unha homenaxe ao seu ser querido e en lembranza duns feitos que nunca deberon acontecer.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade