Publicador de contidos
Publicador de contidos

Daniel Sancho, condenado a cadea perpetua polo asasinato de Edwin Arrieta

Daniel Sancho, condenado a cadea perpetua polo asasinato de Edwin Arrieta

O xuíz declarouno culpable do asasinato premeditado de Arrieta, do despezamento do corpo e do roubo do pasaporte

Sancho evita a pena de morte por colaborar na investigación, pero deberá pagar unha indemnización de máis de 100.000 euros á familia da vítima

A sentenza é recorrible en ata dúas instancias superiores

G24.gal 29/08/2024 06:27 Última actualización 29/08/2024 14:22

O español Daniel Sancho foi condenado este xoves a cadea perpetua tras ser atopado culpable por un xuíz de Tailandia do asasinato premeditado do cirurxián colombiano Edwin Arrieta e dos outros dous delitos dos que estaba acusado.

O xuíz do Tribunal Provincial de Samui (sur de Tailandia) indicou que a condena fora reducida da pena de morte á cadea perpetua pola colaboración do acusado coa investigación

A Fiscalía tailandesa acusara a Sancho do asasinato premeditado de Arrieta o 2 de agosto de 2023 na illa de Phangan, do seu despezamento e do roubo do pasaporte do colombiano, delitos dos que o xuíz o declarou hoxe culpable.

Durante a lectura, na que os avogados e o acusado deberon permanecer de pé, o xuíz explicou a posibilidade de presentar recurso contra a sentenza, o primeiro a ante o Tribunal de Apelación e outro posterior ao Tribunal Supremo.

Os avogados españois de Sancho anuncian que recorrerán

Os avogados españois que colaboraron na defensa de Daniel Sancho anunciaron que recorrerán a sentenza de cadea perpetua. "Hai que seguir co partido. Imos recorrer a sentenza (...) Temos dous recursos por diante e temos que esgotalos", declarou Carmen Balfagón ás portas do tribunal de Samui tras coñecerse a sentenza.

A avogada sinalou que "respectan" a decisión do tribunal, que baseou a súa decisión na investigación policial, pero que non esperaban unha condena a cadea perpetua.

Pola súa banda, o letrado Marcos García-Montes precisou que aínda non tiveron acceso á sentenza, polo cal aínda teñen que "estudar" o seu contido antes de presentar o recurso.

"A nosa argumentación (de defensa) é moi sólida. Respectamos a decisión do tribunal, pero temos unhas vías para acudir", subliñou o avogado español, que, do mesmo xeito que Bafalgón, non puido entrar na sala durante a lectura da sentenza.

García-Montes tamén incidiu en que o presidente do tribunal destacou durante a lectura o "bo traballo" da defensa de Daniel durante o xuízo, que argumentou que a morte de Arrieta produciuse de maneira accidental durante unha pelexa.

O fiscal do caso, Jeerawat Sawatdichai, afirmou a EFE á saída da corte que estaba "satisfeito" porque Sancho fora condenado polos tres cargos que el presentou durante o xuízo, celebrado o pasado abril no mesmo tribunal.

Daniel Sancho pide quedar no cárcere de Samui

Daniel Sancho pediu ao xuíz quedar na prisión tailandesa de Samui, onde se atopa desde o pasado ano, segundo aseguraron a EFE varias fontes, pero o maxistrado indicou que a lei non permite esa posibilidade e que a decisión non depende del.

Tras o ditame, que considerou a Sancho culpable dos tres delitos dos que o acusaba a Fiscalía o xuíz preguntou se había algunha dúbida, momento en que o español insistiu en inglés ao maxistrado que actuara "en defensa propia".

Daniel Sancho mantivo a "enteireza" ao escoitar a condena a cadea perpetua. Entón, o reo, que só se declarou culpable da ocultación do cadáver, polo despezamento de Arrieta, abrazou os seus pais, presentes na sala.

O xuíz, que levou o caso desde o principio e cuxa identidade non se fai pública, indicou que "a lei non permite" o traslado de prisión, e que a decisión en calquera caso non dependía del.

Segundo dixeron hoxe a EFE desde a prisión de Samui, Sancho xa regresou polo momento a ese cárcere, que "só permite aloxar a presos con condenas de ata 15 anos. Se non, debe ser trasladado".

"Estamos a esperar a orde de traslado, que aínda non chegou", aseguraron, engadindo que non saben a que penal do país podería ser enviado nin cando, aínda que se prevé que poida ser inminente.

Sancho podería ser trasladado ao cárcere de Surat Thani, provincia á que pertence Samui, de maior seguridade e con ao redor de dez veces máis reos (5.400 fronte a 542, segundo o departamento de correccionais).

"A familia recibiu xustiza"

O xuíz condenou así mesmo a Sancho a pagar unha indemnización á familia de Arrieta de 4 millóns de bat (uns 107.000 euros)

Trátase dunha cantidade moi inferior á que solicitaran os letrados da familia en Tailandia, xa que durante o xuízo elevaran a compensación a 30 millóns de bat (máis de 882.000 dólares ou case 793.000 euros).

"O tribunal determinou o que estimou oportuno (...) A familia recibiu así xustiza", dixo aos medios ao saír do tribunal un avogado da coacusación, que representaba a familia de Arrieta en Tailandia. Os pais do cirurxián colombiano non se desprazaron alí.

"Temos que volver falar coa familia para ver se están satisfeitos coa cantidade (...) Se non, tamén teñen dereito a recorrer", engadiu o avogado.

O pagamento da indemnización é unha condición sine qua non para que Sancho puidese pedir o traslado a España, algo que só sería posible despois de polo menos catro anos de cumprimento de pena en Tailandia.

A familia Arrieta non se opoñerá a que cumpra condena en España

O avogado en España da familia do colombiano Edwin Arrieta, Juan Gonzalo Ospina, dixo que os familiares confían en que a cadea perpetua "faga reflexionar" a Daniel Sancho para "pedir perdón" e que non se opoñerán a que cumpra a pena en España, sempre que se cumpran as leis tailandesas.

Nunha conferencia de prensa, o letrado quixo deixar claro que a Xustiza tailandesa recoñece que se cumpre unha pena mínima, pídese "un perdón sincero" e realiza o pagamento da indemnización, duns 106.000 euros, entón poderase falar do proceso de cumprir a pena en España, algo ao que familia "non se vai opoñer".

Engadiu que a familia da vítima se emocionou "moito" cando soubo condena porque considera que "se fixo xustiza", sinalando que "nunca quixo a pena de morte".

Subliñou que a familia "non quixo nunca vinganza porque esta nunca repara as feridas", aínda que "botaron en falta ese lado de humanidade" porque Sancho e a súa defensa "seguen insistindo" unha e outra vez "en que o matou sen querer".

Aínda que Ospina indicou que non van recorrer a indemnización, "a familia Arrieta non está aquí por diñeiro", dixo, pero si anunciou que van expor ao tribunal que embargue calquera diñeiro do que Sancho faga uso en prisión.

Ospina, por outra banda, arremeteu contra a "inverosímil" estratexia de defensa do letrado Marcos García Montes, quen non lle chamou para buscar, sempre que recoñecese os feitos e pedise un perdón sincero, "unha alternativa que fose máis beneficiosa" para Sancho.

Lamentou que a estratexia de defender a morte accidental aumentou a dor da familia Arrieta, algo que segue mantendo a defensa de Sancho no canto de recoñecer o dano e pedir perdón por este crime "atroz".

Por iso, engadiu, que confían en que non prosperen os recursos que a defensa de Sancho presentará para rebaixar a pena.

"Seguir loitando"

Sancho, de 30 anos, estivo na vista de lectura da sentenza acompañado do seu pai e da súa nai, o actor español Rodolfo Sancho e a analista de investimentos Silvia Bronchalo, así como do avogado de oficio tailandés que lle representa no país asiático, Apichart Srinual.

A nai de Daniel Sancho non fixo valoracións sobre a sentenza á saída do tribunal, mentres que o pai limitouse a dicir: "Seguir loitando, sempre seguir loitando".

As medidas de seguridade e o acceso á sala foron moito máis restritivas hoxe que durante o xuízo, celebrado entre o pasado o 9 de abril e o 2 de maio, no que Sancho defendera que a morte de Arrieta se debeu a un accidente durante unha pelexa

O caso de Daniel Sancho foi dos máis mediáticos do último ano

Sancho e Arrieta quedaran en Phangan o mesmo 2 de agosto do pasado ano, día dos feitos. Aínda que o español confesou o crime tras acudir a denunciar a desaparición do seu amigo ante a policía insular, despois e durante o xuízo defendeu a súa inocencia

Fillo do actor Rodolfo Sancho e neto de Sancho Gracia, o famosísimo Curro Jiménez, o caso chegaba a España acaparando titulares e faladoiros de sucesos.

Daniel fora arrestado por matar e despezar o corpo do médico. A policía encontraba parte dos restos neste vertedoiro o 4 de agosto.

Nun primeiro momento o cociñeiro español admitiu o crime e mesmo colaborou na reconstrución dos feitos. Daquela dixo que Arrieta quería ter unha relación sentimental con el e que o quería extorsionalo.

Unhas imaxes gravadas un día antes do crime xogaron na súa contra. Mostraban a Daniel mercando un coitelo, produtos de limpeza e bolsas de lixo. E levou os investigadores a pensar que tiña todo preparado.

Acusárono de asasinato premeditado, de agochar o corpo e de destruír a documentación da vítima, castigado coa pena máxima en Tailandia.

En novembro cambiou a súa versión. Declarouse non culpable dun dos cargos, o de asasinato. E afirmou que todo foi un accidente durante unha pelexa.

En España impactaron as imaxes dos seus pais visitándoo en prisión. Mentres desde Colombia a familia da vítima pedía xustiza.

Os pais e Daniel estiveron tamén ao seu carón no xuízo que se celebrou a porta pechada en Tailandia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade