Liberdade con afastamento para o home detido polo tiroteo de Maceda
Liberdade con afastamento para o home detido polo tiroteo de Maceda
A vítima, tras pasar varios días en coma, recupérase das feridas sufridas na cara, no estómago e nun brazo
Queda en liberdade, cunha orde de afastamento, o home acusado de disparar a outro no concello ourensán de Maceda. Este domingo pasou a disposición xudicial en Ourense. Enfróntase a un delito de homicidio ou asasinato en grao de tentativa e outro de roubo con violencia.
Os feitos ocorreron hai dous meses, o 2 de novembro, nun edificio da rúa Cardeal Quiroga. A vítima, un gandeiro de trinta anos, recibiu tres disparos no seu domicilio. Nin o portal do inmoble nin a porta da vivenda estaban forzadas.
Tras unha intensa busca, a Garda Civil detivo o suposto atacante na noite de Reis no concello de Pereiro de Aguiar. Este domingo recibiu a asistencia dun avogado de oficio no xulgado de garda da cidade das Burgas. Ten prohibido achegarse ou comunicarse co agredido.
A investigación continúa aberta. Mentres, a vítima pasou varios días en coma e agora recupérase amodo das graves feridas sufridas na cara, no estómago e nun brazo.