Identificado un veciño de Silleda como autor do roubo nocturno nun bar da vila
O individuo accede ao establecemento tras forzar a ventá dun ximnasio lindeiro no que tamén revolveu á procura de cartos
O bar obxecto do roubo está nunhas galerías céntricas de Silleda pechadas con enreixado, polo que o ladrón abriu o seu camiño forzando a ventá exterior do ximnasio lindeiro e tras remexer alí e non encontrar cartos valeuse dunha ventá interior para pasar ao local de hostalería. A propietaria seguiu a acción polo móbil e parte en vivo alertada pola central de alarmas.
"Forzou a ventá, apoiouse onde vemos o que quedou da recollida de pegadas que fixo a Policía Científica, desactivou a cámara de videovixilancia, co que eu non podía ver as imaxes de dentro do local, pero os da alarma podíano seguir polo fotodetector; vían unha persoa encapuchada e con algo na man. Nós estabamos fóra agardando e el fuxiu non sabemos por onde", explica Lorena Molinero, propietaria do bar.
Di que descoñece a contía exacta do botín, que inclúe a caixa, pero calcula que foron uns setecentos euros os que levou o ladrón, xa identificado.
"Na caixa sempre deixo de 150 a 200 euros para cambios e alí abaixo 300 euros ou 400 habería e no peto, non sei canto había". "Sábese quen foi, porque o rexistrou a cámara antes de que el a desenchufara", afirma a propietaria.
O autor do feito, veciño da vila, deixou estragos no equipamento e instalación do bar. Conta Lorena que hai menos de seis meses sufriu un roubo peor noutro que ten no polígono de Silleda.