Publicador de contidos
Publicador de contidos

Iglesias: "O quilo de cocaína está nuns 20.000 euros; en orixe, arredor dos 4.000"

Iglesias: "O quilo de cocaína está nuns 20.000 euros; en orixe, arredor dos 4.000"

Fernando Iglesias, xefe rexional de Vixilancia Aduaneira en Galicia di que as mafias sempre van un paso por diante na tecnoloxía pola gran capacidade económica que teñen

Vixilancia Aduaneira está a construír doce novas embarcacións para combater a entrada de drogas en Galicia

G24.gal 14/04/2023 10:16

Nas últimas semanas descubriuse un gran laboratorio de transformación de pasta de cocaína en Cerdedo-Cotobade, dúas planadoras en Corrubedo, un narcosubmarino fronte a Vilaxoán, en Vilagarcía, outra planadora en Muxía, na praia de Nemiña, un alixo vinculado a clans galegos no centro de Portugal, unha empresa que constrúe embarcacións para o transporte a terra da droga, preto da fronteira portuguesa con Galicia.

No programa Bos días analizou esta situación Fernando Iglesias, xefe rexional de Vixilancia Aduaneira en Galicia. Dixo que non é un fenómeno exclusivo do noso país. 

"Hai que ter en conta os datos a nivel mundial, a nivel Europa. O que pasa en Galicia é o mesmo que pasa en portos importantes como o de Rotterdam, Anveres, portos en España con moito tráfico como Valencia, Alxeciras, Barcelona en menor medida tamén en Vigo. E por iso hai un aumento de detención de persoas e incautación de medios para delinquir".

Iglesias asegura que a loita contra o narcotráfico sempre foi un eixe principal da loita contra as organizacións criminais.

"Eu penso que nunca deixou de estar no centro das prioridades. A situación está lonxe do que tiñamos hai tres décadas cando os narcotraficantes facían ostentación, hoxe non é a realidade. Houbo unha evolución no xeito de traballar dos narcotraficantes ao que se adaptaron as forzas de seguridade, Axencia Tributaria, Fiscalía e a xudicatura. Hai que manter o obxectivo e optimizar os recursos".
 

Dende Vixilancia Aduaneira saben que a capacidade económicas das mafias é moi grande, pero non descoidan os investimentos en novos medios.

"Sempre estiveron as organizacións un paso por diante das forzas de seguridade. O Goberno reaciona, no caso da Axencia Tributaria, temos un proceso de fabricación de 12 embarcacións que se están a construir en Galicia. É o reflexo do investimento que se está a facer, pero teñen unha altas capacidades de financiamento as organizacións criminais e polo tanto sempre van estar un paso por diante en tecnoloxía".
 

Fernando Iglesias asegurou que malia que á cidadanía pode sorprenderlle o emprego dos narcosubmarinos, saben que é unha práctica habitual.

"Está consolidado o uso dos narcosubmarinos. Poderíase pensar que un é casualidade, dous xa non o é. Temos información, e aquí é importante a gran conexión que temos con outros países intercambiando información. É unha realidade, xa teñen estaleiros na América central e América do Sur especializados na construción de narcosubmarinos. Non é unha novidade, forma parte da realidade habitual".

Neste intres os prezos da droga na rúa baixaron, pero dende Vixilancia Aduaneira saben que as marxes de beneficios seguen sendo extraordinarias.

"Da baixada do prezo da droga, estamos falando de que o quilo de cocaína está nuns 20.000 euros, cando hai pouco estaba por riba dos 30.000 euros; aquí en España, en orixe está arredor dos 4.000 euros o quilo. Isto dános unha idea da marxe de beneficio que poden ter as organizacións. E tamén temos o problema da heroína. Pensabamos que era algo que estaba lonxe do consumo en Europa, pero vemos que temos aprehensións e unha estreita colaboración coas forzas de seguridade". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade