Malestar no sector galego do hidróxeno verde polos fondos europeos

Consideran incompresible que o hidroduto galego quede fóra das subvencións da UE

Pensan que todos os proxectos se demorarán e que haberá perda de competitividade

G24.gal 02/12/2023 14:24 Última actualización 02/12/2023 18:52

O sector galego do hidróxeno verde, unha enerxía clave para descarbonización nas próximas décadas, recibía un duro golpe esta semana. A Comisión Europea deixaba fóra dos fondos o tramo Guitiriz-Zamora desa gran tubaxe que conforma o corredor europeo desta enerxía. Da incredulidade inicial pasouse a unha reacción de clamor ante o que se considera un agravio.

"A verdade é que ninguén se podía imaxinar poñer en perigo como estamos poñendo practicamente vinte e cinco proxectos, os cales, é paradoxal, xa teñen asignados fondos europeos. É dicir, que por un lado temos o proxecto con fondos europeos aprobado e, en cambio, non temos a comunicación", explica Xosé Ramón Ferreiro, presidente da Asociación Galega do Hidróxeno.

Esa comunicación, a rede gasista que nos uniría co resto da Península e con Europa, queda no aire. Os empresarios, a Xunta e Enagás reiteran que pelexarán por unha solución. Pende unha ameaza: unha gran demora en todos os proxectos que implicaría unha inevitable perda de competitividade.

 "Se estes proxectos que están sometidos aos fondos, que están aprobados, máis ou menos teñen a orde de execución entre os cinco e os dez anos, imaxina nós sen fondos a onde nos iriamos., pois a quince ou vinte anos", sinala Ferreiro.

O empresariado insiste en que todo isto é incomprensible tendo en conta os recursos eólicos e hídricos de Galicia, imprescindibles para a obtención de hidróxeno verde, e a situación estratéxica dos portos. A solución polo de agora queda no terreo da incógnita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade