Publicador de contidos
Publicador de contidos

Indignación pola queima doutro coletor en Vilagarcía, e van máis dunha ducia

Indignación pola queima doutro coletor en Vilagarcía, e van máis dunha ducia

O lume estendeuse ao primeiro coche que estaba estacionado, pero o servizo de emerxencias evitou males maiores

As causas estanse investigando, pero a priori descartan que teña relación cos anteriores actos vandálicos

G24.gal 23/09/2024 14:08

Repítese a historia. O lume prendeu nun colector e deseguida estendeuse ao coche que estaba aparcado xusto ao lado.

O seu dono, Manuel Casás, durmía a apenas uns metros e conta que o soubo pola policía: "Chamou a policía. Foi unha parte da defensa e mais o piloto de atrás. Ao que puido ser, non foi nada".

Foi, coma sempre, de madrugada, coa rúa sen apenas movemento, cando se escoitaron os primeiros chispazos.

"Eu estaba na casa e pareceume escoitar uns sons que non son habituais a esas horas. Saín á ventá e xa vin todo laranxa... Lume, evidentemente", explica Ramón Conde, un veciño que vive xusto en fronte.

Este incendio na rúa Celso Emilio Ferreiro, no centro mesmo da cidade, súmase a unha longa ringleira este verán, no que xa levan ardido máis dunha ducia de colectores, aínda que neste caso non se repite o mesmo patrón, segundo confirma Francisco Javier Guillén, xefe de emerxencias de Vilagarcía:

"Non fai sospeitar que haxa unha relación ou intencionalidade coma nos outros casos, que eran no mesmo día, con escaso espazo de tempo entre uns e outros e na mesma zona".

"É un trastorno", lamenta Isolino Diéguez, outro veciño: "A ver cando o veñen recoller. O cartón xa nada, pero onde tiramos o plástico?".

 A veciñanza está farta e o Concello mesmo lanzou unha campaña de concienciación dos riscos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade