Insalubridade nunha rúa de Pontevedra polo atoamento do sumidoiro
Insalubridade nunha rúa de Pontevedra polo atoamento do sumidoiro
Residuos humanos e ambiente fedorento na rúa de Francisco Asorey por problemas na rede de sumidoiros
Un problema na rede de sumidoiro ten alterada a normalidade na rúa Francisco Asorey de Pontevedra. Residuos humanos e augas negras afloran onda o portal do número once, especialmente ás horas de máis uso dos cuartos de baños.
Carmen Piñeiro vive no edificio máis prexudicado: "Ás sete da mañá teño que erguerme para baldear a beirarrúa para que os rapaces e quen entramos non se encontren coa porcallada.
E ás oito e pico, tras o aumento da demanda nos baños, xa teño que volver a baldear. Continuamente, a baldear".
Amosan documentos pedindo a acción do Gobermo municipal e do autonómico ante este ambiente insalubre que arrastran desde hai semanas.
José Silva: "Do Concello viñeron aquí e din que queren levar o sumidoiro para riba. A min iso paréceme imposible. Pero din que iso vai tardar semanas, e xa levamos así tres meses", di José Silva.
O afloramento das augas fecais implica incomodidades como moverse nun ambiente fedorento.
"O cheiro; eu ás veces non podo estar no portal, teño que marchar camiño abaixo ou para outro sitio, Non se para aquí", sinala Manuel.
"Son unha señora con 85 anos e teño que pasar por aí co bastón co medo de caer", conta Dora. Os afectados urxen a que o Concello arranxe o necesario para que as augas fecais volvan á súa canle pola rede de sumidoiros.