Inspeccións con mergulladores para loitar contra os furtivos da centola
Inspeccións con mergulladores para loitar contra os furtivos da centola
Os gardacostas comproban fondeos e nasas na ría do Vicedo-O Barqueiro
A campaña da centola aínda non comezou nesta parte do litoral galego
Os mergulladores do servizo de Gardacostas xunto aos da Garda Civil e Policía Autonómica inspeccionaron os peiraos da ría do Vicedo e do Barqueiro na busca de infraccións na campaña da centola, que desde A Estaca de Bares ata o río Eo non abre ata o 27 de novembro.
Igual que antes nas rías de Ferrol, Arousa e Pontevedra, buscan nasas ou viveiros sen identificar que poidan conter especies vedadas ou ovadas. Entre as identificadas asegúranse de que cumpren os topes establecidos co obxectivo, en ambos casos, de protexer os recursos contra os furtivos.
"Os que están legais soen ter o balizamento legal, co nome, folio, etc...comprobamos e corroboramos que desenvolven a pesca coa arte correspondente", comentou Enrique Rodríguez/Xefe de sección de vixilancia e control do Servizo de Gardacostas.
Marisa Martínez, axente de Gardacostas de Galicia tamén argumentaba que "non pode haber centola, nin fondeos de centola, non van estar identificados, se hai centola liberarémola porque non pode estar para comercializarse"
Neste caso, deron cun fondeo sen identificar amarrado nunha das plataformas con nécoras que liberaron no acto. As inspección da campaña da centola levan requisados centos de quilos de marisco, centos de nasas e miles de metros de redes.
As multas andan entre os 30.000 e os 150.000 euros. As artes comisadas devólvense ao propietario unha vez iniciado o expediente. As non identificadas ou antirregulamentarias destrúense para seguir protexendo os nosos ricos pero fráxiles fondos mariños.