Intervidas case 12 toneladas de ameixas en mal estado e capturadas de forma ilegal
Intervidas case 12 toneladas de ameixas en mal estado e capturadas de forma ilegal
As autoridades arrestaron dúas persoas e investigaron outras sete como supostos integrantes dunha organización criminal centrada na captura do molusco
A Policía Nacional, nunha operación conxunta cos seus homólogos portugueses, interveu en varias cidades lusas case 12 toneladas de ameixas xaponesas que se atopaban en mal estado e foran capturadas de forma ilegal por membros dunha rede criminal. As autoridades arrestaron a dúas persoas e investigaron a outras sete como supostos integrantes desta organización criminal, centrada na captura, o comercio e o tráfico internacional deste molusco bivalvo.
Segundo informou a Dirección Xeral da Policía, o operativo forma parte das actuacións que desde 2015 e de forma anual levan a cabo conxuntamente coa Polícia de Segurança Pública e a Polícia Marítima de Portugal. Este traballo foi bautizado como operación Clamb e de momento deu como resultado a intervención de 40 toneladas de marisco ilícito.
Nesta ocasión, os axentes incautaron case 12 toneladas de ameixas xaponesas que foran pescadas en territorio portugués de forma ilegal e en zonas nas que a concentración de metais pesados non permiten que sexan aptas para o consumo. As pescudas, nas que participaron axentes da Policía Nacional destinados en Galicia, determinaron que o principal responsable da banda dispoñía de dúas compañías, unha en Portugal e outra en España, entre as que realizaba a facturación dos moluscos.
Tanto a el como ao outro arrestado impútanselles delitos de fraude no comercio alimentario, falsidade documental, branqueo de capitais, pertenza a organización criminal e fraude fiscal. Durante o operativo levaron a cabo catro entradas e rexistros (un domicilio, unha oficina e dúas naves) nos que interviñeron catro vehículos, gran cantidade de documentos relacionados coa súa actividade ilícita, equipos de telecomunicacións marítimos, un teléfono satelital e 30.000 euros en efectivo.
Tamén bloquearon varias contas bancarias en Portugal, medida que se solicitou para aquelas que a trama tiña abertas en España. As accións levadas a cabo no marco da operación Clamb ao longo dos últimos anos tamén deixou un regueiro de detidos e de moluscos intervidos. Por exemplo, en xuño de 2023 os axentes levaron a cabo 27 rexistros en Portugal, detiveron a cinco persoas e liberaron a 200 inmigrantes ilegais que estaban a ser explotados na extracción da ameixa xaponesa.
En 2022 interviñeron, en dúas fases, seis toneladas do citado molusco (dúas en Portugal e catro en España), 16 vehículos e dúas embarcacións e detiveron a cinco persoas. A intervención de 2021 saldouse con catro toneladas de ameixa xaponesa lista para ser introducida noutros países europeos, un detido e tres empresas españolas inspeccionadas.