Publicador de contidos
Publicador de contidos

O episodio de calor dispara os termómetros no interior do país

O episodio de calor dispara os termómetros no interior do país

Na costa a mañá deste luns estivo dominada polas brétemas

G24.gal 11/07/2022 14:32

Galicia está a vivir nos últimos días un episodio de calor que se deixa notar sobre todo no interior da nosa comunidade, e especialmente en Ourense. 

Arredor dos 40 graos é a máxima prevista para hoxe na cidade de Ourense. Tanto na conca do Miño como en Valdeorras, Meteogalicia mantén o aviso laranxa por temperaturas que poden superar os 39 graos.

Ese mapa de avisos cambia a amarelo e advirte tamén de máximas por riba dos 36 noutros puntos do interior de Galicia, como o sur e noroeste de Ourense, e o sur de Lugo e Pontevedra.

E se durante o día a calor non dá tregua, non mellora moito a cousa pola noite. En Ourense cidade ás dúas desta madrugada había 24 graos, a mínima finalmente quedou nos 18. Conciliar o sono foi difícil.

Intensas néboas na Costa

Protagonismo na costa para as brétemas, un día máis. A cidade da Coruña amencía cuberta pola néboa e ofrecendo unha imaxe un tanto atípica dos areais urbanos para esta época do ano.

Son as mesmas néboas que xa nas últimas horas entraban pola costa de Pontevedra e que foron avanzando por todo o litoral atlántico.

Néboas que contribúen tamén a un descenso das temperaturas, que fan que no norte da comunidade as máximas previstas para hoxe non superen os 25 graos. 

Cara á tarde, a néboa irá perdendo presenza. Pode quedar aínda algún episodio illado, pero o vento do nordés encargarase de desfacelo, para que a partir de mañá volva lucir o sol en toda a comunidade.

Polo que aínda haberá que agardar un pouco máis é pola suba das temperaturas. De feito, a da Coruña é das poucas zonas na comunidade que nas próximas horas vai quedar fóra dos avisos por altas temperaturas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade