Investigados 7 menores por acoso escolar nun instituto do Val Miñor
Investigados 7 menores por acoso escolar nun instituto do Val Miñor
O acoso comezou o ano pasado con burlas e insultos, pero as vexacións foron incrementándose ata agredir fisicamente a vítima
O caso xa está na Fiscalía de Menores de Pontevedra
A Garda Civil de Baiona (Pontevedra) investiga sete menores de entre 14 e 16 anos polo acoso escolar que estivo sufrindo un alumno dun instituto da comarca de Val Miñor.
Foron os pais do menor os que denunciaron ante as autoridades que o seu fillo estaba a ser vítima de acoso escolar por parte de varios alumnos do seu mesmo centro educativo desde o curso pasado.
Segundo informa a Garda Civil, o acoso comezou con burlas e insultos, pero as vexacións foron incrementándose ao longo deste curso. Así, os menores investigados terían empezado a esixirlle que lles entregase pequenas cantidades de diñeiro, chegando a ser agredido fisicamente ao negarse a facelo.
Os sete alumnos están a ser investigados como presuntos autores dos delitos de trato degradante, coaccións, ameazas e malos tratos de obra sen lesión. As dilixencias da Garda Civil foron remitidas á Fiscalía de Menores de Pontevedra.