Investigan a aparición de ósos que se cren humanos nunha casa abandonada en Rianxo
A casa, que leva abandonada tres décadas, pertencía ao enterrador da localidade
A Garda Civil está a investigar o achado de posibles restos humanos nunha casa deshabitada de Rianxo. Foron os obreiros, que están rehabilitando a vivenda, os que atoparon no soto unha bolsa cun cránio e un fémur.
A obra de reforma da vivenda, situada na rúa Rinlo, estaba hoxe paralizada e os veciños da localidade non saen do seu asombro ante os feitos.
A vivenda, din, leva máis de 30 anos deshabitada e foron os obreiros que están a retirar os cascallos os que atoparon os ósos no soto. A casa pertence a varias irmás que a herdaron de súa nai, cando a mercou no 2019. Pero esta vivenda pasou por varias mans antes, e pertenceu ao antigo enterrador de Rianxo.
Para Consuelo Plata, unha das propietarias da vivenda, probablemente, os posibles ósos humanos atopados procedan dunha exhumación e que no tocante de levalos "a un sitio pertinente, deixáranos alí";"Dime a persoa que estaba no desentullo: apareceron uns ósos! E que vas facer? Como non podes metelos na pota, que é o que che gustaría, porque sabes que che van paralizar a obra, pois avisas a policía!"
Polo de agora non se sabe a procedencia deses restos humanos, que na tarde de onte foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. A investigación está baixo segredo de sumario.