Investigan un ancián que circulaba en dirección contraria pola AP-9
Investigan un ancián que circulaba en dirección contraria pola AP-9
Investigado por condución temeraria e proposto para un exame psicotécnico por perda de aptitudes psicofísicas
A colaboración cidadá permitiu que o condutor parase na beiravía da autoestrada
A Garda Civil investigou o condutor dun turismo, de 72 anos, que foi interceptado mentres circulaba en sentido contrario polo tramo da AP-9 ao paso por Pontedeume.
O home realizaba o traxecto en dirección á Coruña "pola plataforma contraria, polos carrís destinados" a dirixirse a Ferrol.
A colaboración cidadá permitiu que o "condutor parase na beiravía da autoestrada" tras ser "esquivado por outros vehículos que circulaban correctamente".
Segundo a Garda Civil, o home "ía acompañado pola súa muller" e non puido "precisar o lugar por onde accedera á autoestrada", aínda que si sinalou que circulaba desde Ferrol e quería "dirixirse á provincia de Lugo".
O ancián estaba "desorientado" e deu negativo nas probas de alcol e drogas, tras as que pasou a ser investigado pola comisión dun suposto delito de condución temeraria e proposto para un exame psicotécnico por perda de aptitudes psicofísicas para a condución.