Investigan as causas do accidente de Xove en que morreron catro mozos
Investigan as causas do accidente de Xove en que morreron catro mozos
Tres dos catro mozos falecidos non levaban o cinto de seguridade
O condutor, de 19 anos, continúa en estado grave e un sexto ocupante sufriu feridas leves
Segunda xornada de loito no concello de Ribadeo, onde vivían as catro vítimas mortais
Era xa pola mañá, arredor das nove, cando o vehículo, un Citroën C4, que circulaba en dirección á urbanización de Palmeiro, saíu dunha curva pronunciada e caeu por un desnivel duns catro metros.
"Desprazadas ao lugar patrullas de seguridade cidadá da Garda Civil de Tráfico constataron que se producira unha saída de vía pola marxe esquerda con posterior colisión cun poste de teléfono, caída, envorcadura e o vehículo acabou nunha leira próxima á vía", explica José Manuel López Santiso, tenente xefe do subsector de Tráfico de Lugo.
No coche viaxaban seis persoas. Catro delas faleceron no lugar: dúas rapazas e dous rapaces, veciños de Ribadeo de entre 17 e 18 anos.
"Neste caso rapaciños moi novos todos que deixaron a súa vida nunha estrada de Xove e non sinto máis que pesar e gran tristura por eles e polas súas familias. Dous dos rapaces eran alumnos do ciclo formativo no instituto de Xove e un deles ten unha vivenda alugada nesta urbanización de Palmeira. Non sabemos se se dirixían cara ao seu domicilio, se o estaban achegando á casa. Iso é algo que se saberá co tempo", asegura Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove.
O condutor, de 19 anos, foi trasladado en estado grave ao hospital de Lugo e permanece na UCI mentres que o sexto ocupante quedou ferido leve.
"Hai un sexto ocupante que foi trasladado ao hospital de Burela, en estado leve, e será a persoa que poida proporcionar máis datos deste suceso que está en investigación", conta o rexedor.
A Garda Civil confirmou que se seguen investigando as causas do sinistro e que non se pode concretar de momento como se produciu o accidente. Os primiros datos indicarían que tres dos catro mozos falecidos non levaban posto o cinto de seguridade no momento do accidente. Viaxarían con el os dous sobreviventes e o copiloto, que faleceu no acto.
Loito en Ribadeo
Os catro falecidos eran veciños de Ribadeo. O concello decretou tres días de loito oficial e todos os actos previstos están suspendidos. As bandeiras da casa consistorial ondean a media hasta.
Tres dos mozos implicados no accidente estaban vencellados á Sociedade Deportiva Ribadeo. A noticia da súa morte sorprendeulles na previa a disputar un partido. O sentimento de pena é común en toda a vila.